As conselleiras de Medio Ambiente e Cambio Climático e do Mar mantiveron un encontro con representantes do sector do mar, concellos e outras entidades
Galicia insta ao Goberno central a ampliar o prazo da consulta pública previa de reforma do Regulamento Xeral de Costas e a detallar claramente o seu fin
Ángeles Vázquez advirte de que se repite a mesma situación ca en 2018 e en 2024, cando o Executivo central intentou modificar a normativa para restrinxir os usos no litoral e tivo que ser freado polo Tribunal Supremo e polas comunidades autónomas
A titular de Medio Ambiente e Cambio Climático pide ao Ministerio para a Transición Ecolóxica nas súas alegacións que explique o contido do expediente de infracción aberto por Bruxelas contra España -algo ao que ata agora se negou- e ata onde chegarían os cambios, propostas ás que anima a sector do mar e concellos a sumarse
A Xunta lembra que o Dereito español establece que os regulamentos son os que desenvolven as leis, e non á inversa, pero que neste caso se está utilizando esa fórmula para evitar o trámite parlamentario e o debate público
O Executivo galego alerta dun novo intento de eliminar calquera vestixio de presenza humana da costa e di que velará porque non haxa inxerencias nas competencias de Galicia, que defende o equilibrio entre os eidos ambiental, social e económico
A conselleira do Mar advirte de que a modificación proposta polo Goberno central pode comprometer a viabilidade da cadea mar-industria galega e chama a facer unha fronte común en defensa do sector marítimo-pesqueiro e da súa seguridade xurídica
Santiago de Compostela, 16 de febreiro de 2026
As conselleiras de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e a conselleira do Mar, Marta Villaverde, mantiveron hoxe un encontro con representantes do complexo mar-industria, concellos costeiros e outras entidades para informar da pretensión do Goberno central de modificar novamente o Regulamento Xeral de Costas pola porta de atrás escudándose en que así llo exixe Bruxelas. Na xuntanza as partes analizaron a falta de transparencia existente neste proceso e coincidiron na necesidade de exixir un maior prazo para a presentación de aportacións -pois o Executivo central limita a consulta pública previa a 15 días, o prazo mínimo recollido na lexislación para este trámite- así como coñecer todos os detalles e fins desa pretendida reforma lexislativa.
Ángeles Vázquez lamentou que o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico repite o modus operandi de 2018 e 2024, as dúas veces anteriores nas que intentou modificar a normativa coartando a participación do conxunto da cidadanía e co único fin de restrinxir os usos da costa. No primeiro caso o Tribunal Supremo acabou anulando a reforma do Regulamento Xeral de Costas por un defecto de forma e no segundo, o propio Goberno central paralizou o procedemento ante o rexeitamento frontal das comunidades autónomas costeiras.
A titular de Medio Ambiente e Cambio Climático denunciou o escurantismo deste terceiro intento e instou ao Executivo central a aportar toda a información sobre o que pretende facer así como que aclare o que realmente lle pide Bruxelas. Nesta liña, lembrou que a Xunta demandou información en varias ocasións sobre o contido do expediente de infracción aberto pola Comisión Europea, pero non a obtivo.
Ante esta situación, Galicia vai exixir ao Ministerio nas súas alegacións -que se poden presentar ata o próximo xoves- que remita toda a documentación relativa ao procedemento iniciado por Bruxelas, que expoña claramente o alcance real da modificación do regulamento e que amplíe a un mes o prazo da consulta pública previa, para facer efectiva a participación que se infire deste tipo de trámites. De feito, animou ao sector do mar, aos concellos e ao resto de entidades a sumarse ás propostas da Xunta ou presentar as súa propias na defensa dos seus intereses.
A maiores, Ángeles Vázquez sinalou que á falta de transparencia se engade un despropósito no procedemento pois o Goberno central pretende facer cambios primeiro no Regulamento Xeral de Costas e despois na lei, cando o Dereito español establece de xeito inequívoco que os regulamentos desenvolven as leis, non á inversa, polo que a orde elixida é totalmente irregular e fóra do común desde o punto de vista xurídico. Detrás deste xeito de actuar agóchase a pretensión de evitar o trámite parlamentario, o debate público e que a reforma teña que ser aprobada polo Congreso dos Deputados.
Transparencia, non recortes
Nesta liña, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático subliñou que Europa lle pide a España transparencia ao outorgar as concesións -porque o Executivo central nunca contou cun rexistro nin deu conta dos títulos dados na costa-, pero non lle di nada de acurtar o prazo das concesións, como leva tempo querendo facer. Ademais, afeoulle que un asunto destas dimensións non fose exposto ás comunidades, tal como corresponde, nunha conferencia sectorial, o órgano legalmente constituído de coordinación e colaboración entre Administración Xeral do Estado e autonomías.
A Xunta lamenta que todo apunta a un novo intento de reformar pola porta de atrás o Regulamento Xeral de Costas e avanzar na pretensión do Goberno central de eliminar calquera vestixio de presenza humana do litoral antes de 2050. Para iso trata de limitar as concesións das prórrogas en dominio público marítimo-terrestre (DPMT) a só 30 anos -fronte aos 75 vixentes-, endurecer os requisitos para instalar calquera tipo de negocio no litoral e ampliar o DPMT -limitando a propiedade privada, económica e industrial- levando a liña de deslinde terra dentro.
Neste sentido, Ángeles Vázquez advertiu de que o Executivo galego vai defender os intereses da comunidade ata o final e que velará porque non haxa inxerencias nas competencias de Galicia sobre a costa, desenvolvidas a través da Lei de ordenación e xestión integrada do litoral (Loxilga).
De feito, lamentou o xeito de proceder do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico na súa pretendida modificación do regulamento -limitando a participación e sen transparencia- e instouno a facer as cousas ben, como fixo Galicia no seu momento coa Loxilga. Nesta liña, lembrou que a Xunta sempre defendeu a necesidade de reformar a lei de costas estatal para adaptala á realidade actual e collendo como modelo a normativa galega, que busca acadar un equilibrio entre os aspectos medioambientais, os económicos e os sociais.
Defensa da seguridade xurídica
Precisamente, a conselleira do Mar expuxo na reunión que a consulta pública previa para a modificación do Regulamento Xeral de Costas xera unha fonda preocupación ao afectar directamente ás concesións que sustentan boa parte da actividade do complexo mar-industria. Neste sentido, advertiu de que cambiar as regras de xogo actuais sen un diálogo real co territorio suporía poñer en risco investimentos realizados durante décadas, miles de empregos e a estabilidade dun sector estratéxico para a economía e a cohesión social das zonas costeiras así como do conxunto da comunidade.
A responsable autonómica defendeu que o marco legal vixente xa conta con instrumentos suficientes para garantir a protección ambiental compatibilizándoa coa actividade económica. Nesta liña, manifestou a necesidade de constituír unha fronte común na defensa dos intereses do sector marítimo-pesqueiro galego.
Por iso, reiterou o compromiso da Xunta de defender un marco normativo claro, estable e previsible, reclamando lealdade institucional, participación efectiva das comunidades autónomas e que calquera reforma se basee en informes técnicos rigorosos e no respecto á realidade do litoral galego e da súa cadea mar-industria.