Galicia frea a intención do Goberno central de prohibir a pesca da anguía

Galicia votou en contra da proposta por considerarse arbitraria e non estar fundamentara en criterios técnicos nin científicos

Villaverde destaca que as alegacións da Xunta avalan que a pesca profesional desta especie cumpre escrupulosamente o marco regulatorio establecido, polo que prohibir a súa captura prexudicaría gravemente ao sector

Galicia é unha das zonas de referencia da pesca de anguía en España, acadando no 2025 a comercialización de 37.371 quilos e un volume de negocio próximo aos 800.000 euros

Santiago de Compostela, 17 de febreiro do 2026

A Consellería do Mar, Marta Villaverde, defende o traballo impulsado desde Galicia que, xunto co de Asturias, Cantabria, Murcia, Valencia e Baleares, foi decisivo para tombar a declaración da anguía especie protexida, tal e como pretendía facer o Goberno central, a través da proposta do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (Miteco).

A nosa Comunidade Autónoma votou así en contra, ao igual que as rexións indicadas. Ante a solidez das alegacións presentadas por Galicia e secundadas polas outras 5, tampouco Andalucía, Cataluña, o País Vasco, Navarra, A Rioxa, Estremadura, Aragón, Castela e León, Madrid e Castela-A Mancha apoiaron a proposta do MIteco que decidiu así pechar esta iniciativa, non elevala á comisión estatal e crear un grupo traballo co fin de profundar no asunto e de ter en conta outros aspectos como o socioeconómico.

“Era unha medida sen sentido”, afirmou Villaverde, quen manifestou que a postura de Galicia foi clara e rotunda desde que se coñeceu a proposta do Miteco, pois non existen razóns fundadas cientificamente que determinen a necesidade de realizar ese cambio de categoría. Así o apuntou, unha vez coñecido o resultado do Comité de Flora e Fauna Silvestre. Ademais, engadiu, “era unha proposta estéril, xa que mentres Francia ou Portugal a poderían seguir pescando e comercializando, España e Galicia non”. A este respecto, adiantou que “seguiremos traballando da man do sector e seguiremos defendendo os seus intereses cando se nos convoque a ese grupo de traballo”.

Alegacións Galicia

Precisamente, as alegacións presentadas pola Administración autonómica poñen de relevo que a pesca profesional desta especie, tanto en augas marítimas como de transición, se leva a cabo dentro dun marco de regulación deseñado especificamente para conseguir a protección e a recuperación da especie en toda Europa, polo que o declive non está vinculado ao tipo de captura, senón a causas estruturais amplamente documentadas pola comunidade científica.

Deste modo, dedúcese que a protección da biodiversidade non pode construírse á marxe do sector e sen facelos partícipes da solución, xa que a súa pesca supón un impacto relevante para o desenvolvemento socioeconómico das localidades que teñen neste recurso unha dependencia significativa. E é que Galicia é unha das zonas de referencia da pesca de anguía en España. A xestión repártese principalmente en 3 zonas: Vigo, con 56 embarcacións rexistradas, Arousa con 24 e Coruña-Ferrol con 13. As capturas no 2025 alcanzaron os 37.371 quilos na comunidade cun volume de negocio próximo aos 800.000 euros.

Asemade, a Consellería do Mar aporta todos os anos unha proposta para a conservación da anguía, co fin de adoptar todas as medidas requiridas da Unión Europea e do Goberno central. Na actualidade, dispón de tres plans de xestión realizados de forma sostible e en base a criterios de explotación para evitar a sobrepesca, ademais doutras medidas técnicas como o establecemento dun tamaño mínimo de captura e comercialización.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 17/02/2026