O seguimento na quenda de tarde da folga médica contra o Estatuto Marco do Goberno central acada o 3,39 % na sanidade pública galega

Nos servizos de atención hospitalaria o seguimento da folga é do 2,74 %

No que atinxe á atención primaria, o seguimento da folga en rexeitamento do borrador presentado polo Ministerio de Sanidade acada o 4,59 %

Santiago de Compostela, 17 de febreiro de 2026

O seguimento da folga de médicos a nivel nacional convocada contra o Estatuto Marco promovido polo Goberno central na quenda de tarde deste martes foi do 3,39 % nos centros sanitarios da comunidade galega.

Cómpre sinalar que hoxe martes 17 é festivo nas cidades da Coruña, Santiago de Compostela, Lugo e Ourense, así como noutros concellos das catro provincias, polo que os datos de presenzas e servizos mínimos fixados están adaptados a tal situación.

Así, a porcentaxe de participación nos sete grandes hospitais do Servizo Galego de Saúde, na quenda de tarde acadou o 2,81 %. En canto aos hospitais comarcais, o seguimento foi do 2,44 %. No seu conxunto, a actividade hospitalaria contou cunha participación na folga do 2,74 %.

Pola súa banda, no que respecta á atención primaria o seguimento da folga en rexeitamento do borrador presentado polo Ministerio de Sanidade acadou o 4,59 % de participación.

Por centros hospitalarios, o paro foi secundado polo 5,88 % no caso do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense; 12,9 % no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra; e o 1,82 % no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo. Non contou con seguimento no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, no de Santiago de Compostela, no de Ferrol e no Hospital Universitario Lucus Augusti.

No caso dos hospitais comarcais, o seguimento acadou o 10,34 % no Hospital Público de Monforte de Lemos. Non contou con seguimento nos hospitais comarcais de Barbanza, Cee, O Barco de Valdeorras, Verín, O Salnés, nin no da Mariña.

En canto ao seguimento en atención primaria na quenda de tarde por áreas sanitarias foi o seguinte: área sanitaria de Ferrol, 2,78 %; área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, 6,52 %; e área sanitaria de Vigo, 10,08 %. A convocatoria de folga non foi secundada na área sanitaria da Coruña e Cee; na de Santiago de Compostela e Barbanza; na de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos; nin na de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras.

Pola súa banda, en entidades sanitarias como son a Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS), a empresa pública de servizos sanitarios Galaria e a Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 o seguimento na quenda de tarde acadou o 2,5 %.

O Servizo Galego de Saúde conta na xornada de hoxe coa cobertura do 100 % dos servizos mínimos, garantindo a actividade asistencial urxente e de emerxencias.

Data de actualización: 17/02/2026