Amplíase ata o 2 de marzo o prazo das axudas ao fomento da mobilidade sostible vinculadas coa oferta de enoturismo
Turismo de Galicia pon en valor os recursos enogastronómicos e a optimización da experiencia enoturística
Santiago de Compostela, 18 de decembro de 2025
Turismo de Galicia vén de ampliar o prazo ata o 2 de marzo para poder solicitar as axudas que subvencionarán a compra de bicicletas e patinetes eléctricos, así como a dotación de estacións de reparación e puntos de recarga, no territorio das Rutas do Viño de Galicia. O Diario Oficial de Galicia publicou a ampliación do prazo desta liña que supón un investimento de 4M€ financiados polos fondos NextGeneration da Unión Europea no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.
A convocatoria ten como obxectivo impulsar, nos territorios das cinco Rutas do Viño de Galicia, a instalación e posta en funcionamento de bicicletas e patinetes eléctricos, estacións de reparación e puntos de recarga, así como a creación dun sistema de xestión destes vehículos e a comunicación das experiencias asociadas.
As axudas diríxense a persoas físicas e xurídicas titulares de establecementos turísticos de aloxamento e a empresas titulares de adegas, sempre que cumpran os requisitos establecidos, entre os que figura a localización no ámbito das cinco Denominacións de Orixe galegas —Monterrei, Rías Baixas, Ribeira Sacra, Ribeiro e Valdeorras— e a inscrición no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia (REAT).
A subvención articúlase en catro liñas de actuación. A primeira céntrase no establecemento de estacións de reparación para bicicletas e patinetes eléctricos e na creación de puntos de recarga para contribuír á adaptación ao cambio climático do destino, cunha dotación de 1,6 M€. Así mesmo, contempla actuacións de restauración paisaxística nas áreas onde se implanten os puntos de recarga, ás que se destinan 400.000 €, sendo esta a liña con maior volume de investimento.
A seguinte inclúe a adquisición de bicicletas e patinetes eléctricos destinados ao préstamo, cun orzamento de 920.000 €. O terceiro eixo orienta as actuacións á creación e implantación de proxectos dixitais para o desenvolvemento do sistema de xestión dos vehículos eléctricos, cun gasto estimado de 510.000 €. Finalmente, resérvase unha partida de 545.000 € para a creación de sinalética e para accións de comunicación e información das experiencias xeradas.