A Xunta e a Fundación Nueva Pescanova avanzan na organización da nova edición do ‘Global Sustainable Seafood Galicia Forum’ en Vigo

A Consellería do Mar volverá colaborar con este encontro, que se celebrará o día 28 de abril

Santiago de Compostela, 18 de febreiro do 2026

O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Isaac Rosón, mantivo unha reunión con representantes da Fundación Nueva Pescanova para abordar a organización da edición deste ano do Global Sustainable Seafood Galicia Forum, que se celebrará en Vigo o vindeiro 28 de abril e no que volverá colaborar a Consellería do Mar.

Durante o encontro, ambas partes avanzaron nos preparativos dun foro que se consolidou como unha cita de referencia internacional para o debate sobre o futuro do sector pesqueiro e acuícola, coa sustentabilidade, a innovación, a ciencia e a cadea de valor dos produtos do mar como eixos centrais. A Xunta reafirmou o seu compromiso con esta iniciativa, mantendo a súa achega económica.

O Global Sustainable Seafood Galicia Forum reúne cada ano en Galicia a representantes institucionais, científicos, empresas, organizacións profesionais e expertos internacionais para analizar os retos e oportunidades do sector, poñendo en valor o papel da pesca e da acuicultura como actividades estratéxicas para a seguridade alimentaria, o desenvolvemento económico e a cohesión territorial.

A Consellería do Mar destacou a importancia de seguir apoiando este tipo de espazos de diálogo e reflexión, que contribúen a reforzar a posición de Galicia como referente europeo e internacional no ámbito da pesca sostible e da transformación e comercialización de produtos pesqueiros.

Esta edición do foro volverá situar Vigo como punto de encontro global do sector, favorecendo a proxección exterior da cadea mar-industria galega e o intercambio de coñecemento arredor dos principais desafíos aos que se enfronta nun contexto marcado polo cambio climático, a evolución dos mercados e as novas esixencias normativas.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 18/02/2026