Villaverde considera clave a colaboración entre os sectores da produción e a comercialización para reforzar a competitividade do marisqueo galego

A conselleira do Mar escoitou as achegas que lle presentaron Agacomar e a Federación Provincial de Confrarías de Pontevedra co obxectivo de valorar posibles liñas de traballo

Tamén se referiu ao veto acadado por Galicia e outras cinco comunidades autónomas para evitar que o Goberno central declarase a anguía en perigo de extinción

Soutomaior (Pontevedra), 18 de febreiro do 2026

 A conselleira do Mar, Marta Villaverde, mantivo un encontro coa Asociación Galega de Comercializadores de Mariscos (Agacomar) e coa Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Pontevedra. Na xuntanza puxo en valor a importancia da colaboración entre os sectores da comercialización e da produción como piar do reforzo da competitividade e sustentabilidade do marisqueo galego.

Durante o encontro, a responsable autonómica escoitou as propostas e achegas das dúas entidades e as liñas de traballo conxuntas, incidindo na importancia de avanzar nun labor coordinado entre todos os elos da cadea mar-industria para afrontar os retos actuais do marisqueo, tanto desde o punto de vista produtivo como comercial.

A titular de Mar trasladou a súa vontade de manter un diálogo permanente co sector e de seguir impulsando medidas que contribúan a reforzar a viabilidade económica da actividade, apoiándose na cooperación, no coñecemento técnico e na corresponsabilidade entre administración, confrarías e comercializadores.

Na reunión, ambas entidades trasladaron á responsable autonómica a conveniencia de avanzar na creación dun grupo de traballo permanente sobre o marisqueo galego, coordinado pola Consellería do Mar e integrado por perfís técnicos e profesionais de recoñecido coñecemento do sector, así como por representantes doutras áreas da Administración autonómica con competencias en medio ambiente, sanidade ou comercio, e da comunidade científica. Neste marco, tamén propuxeron a celebración dunhas xornadas marisqueiras, no que participen todos os axentes implicados, como punto de partida.

Veto a prohibir a pesca da anguía

No marco desta xuntanza, que tivo lugar na sede da Federación Provincial de Confrarías de Pontevedra, situada en Arcade, a conselleira do Mar tamén se referiu ao veto que Galicia e outras cinco comunidades autónomas acadaron no Comité de Flora e Fauna Silvestre para conseguir frear a proposta do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (Miteco) de declarar a anguía como especie en perigo de extinción. Villaverde puxo en valor o papel activo da Xunta, que durante o proceso mantivo un contacto permanente co sector afectado, para trasladarlle información de primeira man e amosarlle o apoio do Goberno galego fronte á proposta do Executivo central que ameazaba con prohibir a pesca desta especie.

A titular de Mar sinalou que esta confraría era unha das máis afectadas na comunidade por esta iniciativa á vez que resaltou o liderado de Galicia que permitiu, en alianza con outras comunidades autónomas, frear esta proposta. Neste sentido, reiterou o compromiso da Xunta de seguir traballando da man do sector da defensa da sustentabilidade e competitividade dun sector estratéxico.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 18/02/2026