O conselleiro de Sanidade, xunto co xerente do Sergas e o director xeral de Asistencia Sanitaria, reuniuse cos xerentes das áreas sanitarias para avaliar o impacto da folga nacional contra a reforma do Estatuto Marco promovida polo Goberno central

A Xunta insta ao Ministerio de Sanidade a actuar con urxencia para acabar coas folgas médicas contra o Estatuto Marco que dificultan o acceso da cidadanía á sanidade pública

Gómez Caamaño remarca que a actividade afectada pola folga médica nos tres primeiros días supuxo a suspensión de preto de 25.000 procesos asistenciais: 576 cirurxías, 12.852 consultas hospitalarias, 9.833 consultas de atención primaria e 1.456 probas diagnósticas

Na xornada de onte mércores, as cirurxías suspendidas foron 195, as consultas hospitalarias, 4.817, as consultas de primaria 3.278 e as probas diagnósticas, 639

O Servizo Galego de Saúde realizará a reorganización asistencial necesaria para reprogramar a actividade suspendida o antes posible

Fronte á falta de negociación do Ministerio de Sanidade, a Xunta puxo en marcha dous grupos de traballo centrados nos recursos humanos e no ámbito asistencial para mellorar a atención primaria e axustar os tempos e o número de consultas

Santiago de Compostela, 19 de febreiro de 2026

A Xunta insta ao Ministerio de Sanidade a actuar con urxencia para acabar coas folgas médicas contra o Estatuto Marco que dificultan o acceso da cidadanía á sanidade pública.

O titular da carteira sanitaria da Xunta, Antonio Gómez Caamaño, acompañado do xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada, e do director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Alfredo Silva, mantivo un encontro de traballo telemático cos xerentes das áreas sanitarias para avaliar o impacto da folga nacional contra a reforma do Estatuto Marco promovida polo Goberno central.

Ao remate da xuntanza, Gómez Caamaño trasladou os datos de actividade afectada pola folga reportados polos xerentes das sete áreas sanitarias galegas. Tal e como informou o conselleiro, no día de onte a actividade suspendida por mor da folga foi de 195 cirurxías, 4.817 consultas hospitalarias, 3.278 consultas de atención primaria e 639 probas diagnósticas.

En total entre este luns e mércores a actividade suspendida pola folga contra o Estatuto Marco que promove o Ministerio de Sanidade supuxo a suspensión de 576 cirurxías, 12.852 consultas hospitalarias, 9.833 consultas de atención primaria e 1.456 probas diagnósticas; isto é, preto de 25.000 procesos asistenciais suspendidos (24.717).

O conselleiro de Sanidade referiuse ao seguimento da folga que este xoves acadou, na quenda de mañá, o 19,26 %, case dous puntos máis que onte.

A Consellería de Sanidade reitera a vontade permanente da Xunta de negociar e pon en valor os dous grupos de traballo que se crean para reformar a atención primaria antes do verán cun modelo de atención de calidade para pacientes e profesionais.

Fronte á falta de diálogo co colectivo médico por parte do Ministerio, a Consellería de Sanidade comprometeuse cos sindicatos da mesa sectorial a abordar incrementos retributivos para persoal de urxencias hospitalarias e de puntos de atención continuada, ademais de debater melloras para adaptar os tempos e o número de consultas de atención primaria e reforzar o papel da xefatura de servizo dos centros de saúde.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/02/2026