A Xunta dota os centros de Lugo de modernos equipamentos para dar un salto cualitativo na formación do alumnado de FP
A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, coñece a nova ferramenta, que forma parte dun investimento de 3,4 M€ en equipamento para ciclos por parte da Consellería
O CIFP Politécnico de Lugo conta cun novo torno de control numérico para os ciclos de Fabricación mecánica
No CIFP As Mercedes achégase ao novo espazo de tecnoloxía aplicada para os estudantes de Comercio e márketing
Lugo, 19 de febreiro de 2026
A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, visitou esta mañá o Centro Integrado de FP Politécnico de Lugo para coñecer o novo torno de control numérico con eixo Y que dá servizo aos ciclos da familia profesional de Fabricación mecánica. Tal e como explicou, esta ferramenta está incluída nun investimento de 3,4 M€ que a Xunta está a facer este curso no equipamento especializado dos centros de FP.
“Este equipamento favorece que o alumnado traballe con tecnoloxía industrial de última xeración, facilitando a aprendizaxe de interfaces actuais, simulación 3D e programación CNC avanzada en condicións equivalentes ás dunha empresa”, explicou a representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP. “Isto permítenos formar os estudantes nas esixencias da industria e supón un salto cualitativo ao preparalos para o paso ao mercado laboral”, destacou
Trátase dunha máquina de altas prestacións, deseñada para a fabricación de pezas complexas mediante procesos integrados de torneado e fresado nun só amarre, tal e como se realiza nas contornas produtivas reais. Isto supón que a nova máquina pode fabricar pezas que normalmente requirirían pasar primeiro por un torno e despois por unha fresadora. Deste xeito, redúcese o tempo de traballo e increméntase a precisión, ao non ter que mover a peza entre distintas máquinas.
O torno incorpora o eixo Y (e non só eixes X e Z, os que teñen os tornos convencionais), o que permite desprazar a ferramenta cara arriba e abaixo, facendo posible mecanizados máis complexos sen sacar a peza da máquina. Conta tamén con ferramentas motorizadas e sistemas automáticos de medición e verificación, o que favorece unha formación práctica baseada na precisión, na eficiencia e na optimización dos procesos.
Aula de comercio
A directora xeral visitou tamén o CIFP As Mercedes para coñecer o novo espazo de tecnoloxía aplicada Retail Lab 4.0: Innovación e tecnoloxía para o comercio do futuro, empregado polo alumnado dos ciclos da familia profesional de Comercio e márketing.
O novo esPazo simula un comercio real no que o alumnado pode desenvolver habilidades prácticas en escaparatismo, visual merchandising, xestión de produtos, estratexias de venda e comercio dixital. Conta con todo tipo de material para que os estudantes se familiaricen con tecnoloxías como sensores para recollida e análise de datos e creación de mapas de calor; técnicas de neuromarketing, pantallas interactivas, realidade aumentada e un sistema real de xestión de stock conectado cunha tenda en liña para simular transaccións comerciais reais.
Deste xeito, fortalécese a conexión co sector empresarial e modernízase a formación do alumnado, incorporando tecnoloxía avanzada para a análise do comportamento do consumidor, así como a posibilidade de mellorar a presentación e xestión de produtos.
A aula forma parte da rede de 115 espazos de tecnoloxía aplicada en centros de FP galegos este curso, cun investimento total da Xunta de 6,3 M€ nos últimos catro anos.