Marta Villaverde confirma a ARVI o apoio da Xunta ao VII Vigo Seafest 2026

A responsable autonómica tamén asistiu ao Comité de Benestar da Autoridade Portuaria viguesa 

Vigo, 19 de febreiro de 2026

A Consellería do Mar colaborará novamente no VII Vigo Seafest 2026, que converterá á cidade olívica, desde o 9 ao 12 de xullo, nun escaparate internacional da calidade dos produtos pesqueiros de Galicia. A responsable deste departamento, Marta Villaverde, así o destacou na reunión que mantivo este xoves cos promotores da iniciativa, a Cooperativa de Armadores de Pesca do Porto vigués (ARVI), demostrando con elo o apoio constante da Xunta con todas aquelas iniciativas que teñan un impacto directo no impulso do sector marítimo-pesqueiro.

É o caso deste evento que, na pasada edición, e nun espazo de 23.000 metros cadrados, situado entre a zona dos Xardín de Elduayen e o Real Club Náutico, unha decena de chefs locais ofreceron as distintas versións nas que se poden servir os produtos da costa galega, recoñecidos pola súa calidade e por ser capturados de xeito sostible, respectando os ecosistemas mariños. Tres días nos que os asistentes tamén puideron desfrutar da industria pesqueira, da música e os deportes náuticos e de praia, así como de talleres e experiencias como os bautismos de mar.

Comité de Benestar da AP Vigo

Previamente, Marta Villaverde tamén asistiu ao Comité de Benestar da Autoridade Portuaria de Vigo, un organismo que nace baixo o paraugas da estratexia de economía azul sostible, e que permite aos 18 componentes do mesmo afondar na sustentabilidade económica, ambiental e social da actividade marítimo-pesqueira.

Consituído no 2023, foi o primeiro que se creou en Galicia, así como en toda a fachada atlántica e cantábrica, converténdose nun modelo a seguir por outros peiraos a nivel internacional, grazas tamén á rede de Portos Azuis da FAO.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/02/2026