A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, reuniuse esta tarde co secretario xeral do colectivo para falar da demanda común sobre a autoestrada

Xunta e Unión de Consumidores de Galicia coinciden na reivindicación ao Goberno central da transferencia, rescate e a gratuidade da AP-9

Allegue lamentou o que considera un “ninguneo” por parte do Goberno central e reiterou que a Xunta apoiará todas as accións conxuntas que se impulsen desde os colectivos de consumidores, o sector do transporte, o tecido empresarial e o conxunto da sociedade civil galega para esixir unha solución definitiva

Santiago de Compostela, 19 de febreiro de 2026

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, mantivo esta tarde unha reunión coa directiva da Unión de Consumidores de Galicia, encabezada polo seu secretario xeral, Miguel López Crespo, nunha xuntanza que evidenciou a coincidencia e opinión conxunta desde Galicia, apoiada por todos os galegos, da reivindicación ao Goberno central  na reclamación da transferencia, rescate e gratuidade da AP-9.

Durante o encontro, a conselleira salientou que quedou evidenciada unha opinión conxunta desde Galicia, apoiada polo conxunto da sociedade galega, en defensa destas demandas, que o Executivo autonómico vén reclamando de xeito reiterado. Lembrou que o Parlamento de Galicia aprobou por unanimidade a solicitude de transferencia da AP-9, unha iniciativa que foi retrasada en 45 ocasións nesta lexislatura e que continúa sen ser debatida no Congreso dos Deputados.

M. Allegue trasladou tamén á asociación os detalles do estudo realizado polo departamento que dirixe, que conclúe que o custo de bonificar as peaxes ata o final do período concesional é equivalente ao custo do rescate da infraestrutura. Neste sentido, indicou que o Goberno galego xa se dirixiu en varias ocasións ao Executivo central solicitando “valentía” para proceder ao rescate dunha vía que considera estratéxica para Galicia.

A conselleira informou ademais das xuntanzas mantidas coa Federación Galega de Transportistas, coa Confederación de Empresarios de Galicia e coas comunidades autónomas veciñas de Castela e León e Asturias, co obxectivo de coñecer a resposta do Goberno central ao ditame da Comisión Europea sobre esta cuestión. Segundo explicou, onte mesmo o Executivo galego recibiu unha negativa a facilitar esa información, unha decisión que cualificou de mostra de falta de transparencia e de diálogo con Galicia.

Martínez Allegue lamentou o que considerou un “ninguneo” por parte do Goberno central e reiterou que a Xunta apoiará todas as accións conxuntas que se impulsen desde os colectivos de consumidores, o sector do transporte, o tecido empresarial e o conxunto da sociedade civil galega para esixir unha solución definitiva.

A conselleira subliñou que a AP-9 é unha infraestrutura que nace e remata en Galicia, vertebra exclusivamente o territorio galego e é empregada por unha media de máis de 26.000 usuarios ao día, polo que rexeitou os argumentos esgrimidos polo Executivo central, como a suposta falta de interese público ou a confidencialidade do expediente europeo.

Finalmente, asegurou que a Xunta non permanecerá pasiva tras esta última negativa e que está a analizar os seguintes pasos a dar para continuar reclamando a transferencia, o rescate e a gratuidade dunha infraestrutura que considera esencial para o desenvolvemento económico e social de Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/02/2026