A Xunta actualiza a normativa de complementos retributivos do profesorado universitario para adaptala á actual normativa estatal e europea
A Consellería de Educación publica no Portal de Transparencia a consulta previa para iniciar os trámites de elaboración do novo decreto
Santiago de Compostela, 20 de febreiro de 2026
A Xunta de Galicia vén de publicar no Portal de Transparencia a consulta pública previa para iniciar os trámites para actualizar a normativa vixente reguladora dos complementos retributivos dos docentes universitarios. O actual decreto data de 2004 e quedou obsoleto tras a publicación da nova Lei orgánica 2/2023, do Sistema Universitario (LOSU). Ademais, é preciso adaptar á xurisprudencia do Tribunal de Xustiza da Unión Europea algúns dos requisitos de acceso.
O réxime actual dos complementos autonómicos presenta limitacións derivadas da súa vinculación a categorías profesionais e momentos concretos da carreira académica, o que impide recoñecer adecuadamente méritos docentes, investigadores e de xestión acadados en distintas etapas profesionais. É preciso, polo tanto, melloralo e adaptalo aos novos tempos, dando prioridade á excelencia.
Na actualidade existen catro tipos de complementos. Os dous coñecidos como de entrada, centrados no recoñecemento ao labor docente e ao labor investigador, non se convocan este ano por ser os que están en maior discordancia coa normativa e xurisprudencia actual. Por iso, as persoas afectadas verán satisfeitos estes complementos con carácter retroactivo conforme á nova normativa que se publique.
Por outra banda, os complementos de recoñecemento polos cargos de xestión e de recoñecemento á excelencia curricular docente e investigadora si serán convocados este ano, como é habitual, pola Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG). Tamén serán actualizados no novo decreto, orientando estes complementos cara a fitos como a participación na docencia de titulacións con selo de excelencia ou o traballo nos centros integrados da Rede CIGUS, que agrupa os centros de investigación excelentes, entre outros.