O xerente do Servizo Galego de Saúde e o director xeral de Asistencia Sanitaria, reuníronse cos xerentes das áreas sanitarias para avaliar o impacto da folga nacional contra a reforma do Estatuto Marco do Goberno central

Os catro primeiros días de folga médica contra o Estatuto Marco que promove o Ministerio de Sanidade supuxeron a suspensión de máis de 35.000 procesos asistenciais en Galicia

A actividade afectada pola folga médica  supuxo a suspensión, entre o luns e o xoves, de 788 cirurxías, 19.037 consultas hospitalarias, 13.376 consultas de atención primaria e 2.067 probas diagnósticas

Na xornada de onte xoves, as cirurxías suspendidas foron 223, as consultas hospitalarias, 6.185, as consultas de primaria 3.543 e as probas diagnósticas, 630

O Servizo Galego de Saúde realizará a reorganización asistencial necesaria para reprogramar a actividade suspendida o antes posible

Santiago de Compostela, 20 de febreiro de 2026

Os catro primeiros días de folgas médicas contra o Estatuto Marco que promove o Ministerio de Sanidade supuxeron a suspensión de máis de 35.200 procesos asistenciais.

O xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada, e o director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Alfredo Silva, mantiveron un encontro de traballo telemático cos xerentes das áreas sanitarias, para avaliar o impacto da folga nacional contra a reforma do Estatuto Marco promovida polo Goberno central.

Ao remate da xuntanza, o xerente do Sergas trasladou os datos de actividade afectada pola folga reportados polos xerentes das sete áreas sanitarias galegas. Tal e como informou José Ramón Parada, no día de onte a actividade suspendida por mor da folga foi de 223 cirurxías, 6.185 consultas hospitalarias, 3.543 consultas de atención primaria e 630 probas diagnósticas.  

En total, desde o luns e ata o xoves, a actividade suspendida pola folga contra o Estatuto Marco que promove o Ministerio de Sanidade supuxo a suspensión de 788 cirurxías, 19.037 consultas hospitalarias, 13.376 consultas de atención primaria e 2.067 probas diagnósticas; isto é, máis de 35.200 procesos asistenciais suspendidos.  

O xerente referiuse ao seguimento da folga que este venres acadou, na quenda de mañá, o 19,34 %, porcentaxe un pouco máis elevado que o de onte.

Fronte á falta de diálogo co colectivo médico por parte do Ministerio, a Consellería de Sanidade comprometeuse cos sindicatos da mesa sectorial a abordar incrementos retributivos para persoal de urxencias hospitalarias e de puntos de atención continuada, ademais de debater melloras para adaptar os tempos e o número de consultas de atención primaria e reforzar o papel da xefatura de servizo dos centros de saúde.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/02/2026