A Xunta lanza un programa piloto para previr o abandono escolar do alumnado de etnia xitana

O conselleiro de Educación participa na presentación do proxecto Impulso Mentor, que abre hoxe o prazo de solicitudes para os centros ata o 13 de marzo

Os estudantes poderán recibir clases de reforzo fóra do horario lectivo e sesións de mentoría, individuais e grupais, en colaboración coa Fundación Secretariado Xitano

Poio (Pontevedra), 20 de febreiro de 2026

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, participou hoxe, no Colexio das Viñas de Poio, na presentación do programa piloto Impulso mentor destinado ao alumnado de etnia xitana. Con esta nova medida, enmarcada na Estratexia de inclusión educativa da Xunta e realizada en colaboración coa Fundación Secretariado Xitano, a Xunta de Galicia busca previr e reducir o absentismo e o abandono escolar temperá neste colectivo.

O representante do Goberno galego, que estivo acompañado pola directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, destacou que Impulso Mentor “pretende favorecer o éxito educativo destes estudantes abrindo oportunidades de desenvolvemento persoal e académico”. Para iso, a iniciativa escolar inclúe “medidas á carta, coa que pretendemos que cada alumno poida aproveitar ao máximo e desenvolver as súas capacidades”, engadiu Román Rodríguez, quen fixo fincapé en que este proxecto quere contribuír “a superar as desigualdades educativas e favorecer a equidade”.

Nesta convocatoria, que abre o prazo de solicitudes por parte dos centros desde hoxe e ata o 13 de marzo, poderá seleccionarse ata un máximo de 10 colexios e institutos de xeito inicial. Está dirixida a alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria, así como da ESO. Os detalles e información da convocatoria poden consultarse xa no Portal Educativo.

Asesoramento e acompañamento

Con esta actividade, búscase reforzar a motivación, o interese e o compromiso do alumnado. Para iso, os centros participantes deberán realizar unha actividade de mentoría individualiza para o alumnado e poderán engadir actividades de sesións grupais e de reforzo das competencias clave. No caso da mentoría, os propios centros seleccionarán os estudantes para formar parte dun proceso de asesoramento e acompañamento desenvolvido por persoas referentes xitanas ou que traballen con este colectivo.

En concreto, haberá sesións de reforzo das competencias clave cunha duración de dúas horas semanais fóra do horario lectivo, así como titorías de seguimento trimestrais por parte do coordinador do programa en cada centro. Ademais, participarán en mentorías individuais e charlas grupais de 50 minutos impartidas por profesionais con experiencia en cultura xitana para dar a coñecer as súas tradicións, valores e patrimonio cultural.

No acto en Poio tamén participou Eva Vera, directora Territorial da Fundación Secretariado Xitano, e Javier León, graduado en Dereito e que exercerá de futuro mentor neste programa para contar a súa experiencia. O alumnos que participen no proxecto recibirán ao remate un diploma, mentres que os docentes que coordinen a actividade obterán un certificado acreditativo de participación nunha actividade de innovación educativa cunha equivalencia de 30 horas de formación permanente do profesorado.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/02/2026