A Xunta inicia os traballos para elaborar o vindeiro Plan de Financiamento Universitario
Constitúe o grupo de traballo para elaborar a folla de ruta para o período 2028/32, que consolida Galicia como referente na planificación dun financiamento forte e estable
O Goberno galego achegou ás universidades 2.542 M€ ao abeiro do actual plan, 85 M€ máis do inicialmente previsto, mobilizando máis de 3.300 M€
Santiago de Compostela, 28 de xullo de 2026
A Xunta constituíu hoxe o grupo de traballo para elaborar o vindeiro Plan de Financiamento Universitario 2028/32. O documento, o sétimo da historia, consolidará Galicia como unha das comunidades referentes dentro de España na planificación dun financiamento forte, estable e previsible para as universidades públicas.
Neste sentido cómpre destacar que a actual folla de ruta, con vixencia no período 2022/26 e que se prorrogará ao ano 2027, supuxo unha achega da Xunta de preto de 2.542 M€, case 85M€ máis do previsto inicialmente. Se se teñen en conta as achegas públicas á marxe do plan, e a falta de que as universidades presenten as contas auditadas de todo o período, a previsión é que se mobilicen máis de 3.300 M€ no período, fronte aos 3.177 M€ previstos en 2022.
Grazas a esta folla de ruta, Galicia acadou xa o obxectivo de un gasto público (local, autonómico, estatal e europeo) nas universidades equivalente ao 1% do Produto Interior Bruto autonómico xa no ano 2023.
Á vista dos bos resultados e tendo en conta que dúas das tres universidades públicas galegas acaban de pasar por procesos electorais, decidiuse prorrogar o actual plan para o ano 2027. Deste xeito, no que queda deste ano e aproximadamente o primeiro trimestre do que vén desenvolveranse os traballos de cálculo e redacción do novo plan coa celebración de novas reunións do grupo de traballo que vén de constituírse.
Estrutura e metodoloxía
O documento para o período 2028/32 manterá a estrutura do plan vixente, incluíndo as novidades incorporadas ao Sistema Universitario de Galicia nos últimos anos, como a matrícula gratuíta ou a Fundación Galtia, así como as esixencias económicas que supón para as comunidades autónomas o programa estatal María Goyri.
Para realizar os cálculos, as universidades deberán remitir á Xunta nos vindeiros meses información sobre a planificación das xubilacións, as táboas de necesidades docentes, os seus plans de investigación, ou diferentes datos de contabilidade analítica (custo de cada centro, custo por crédito...).
Na reunión do grupo de traballo participaron o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez; o director xeral de Orzamentos e Financiamento Autonómico, Arturo López; a subdirectora xeral de Universidades, Beatriz Soutelo; e o subdirector de Financiamento Autonómico, Recursos e Análise orzamentaria, Javier de la Peña, como representantes da Xunta.
Por parte da Universidade de Santiago de Compostela participaron o xerente, Juan Díaz Villoslada, e o vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Roberto Bande; pola de Vigo a xerente, Ana María Comesaña, e o vicerreitor de Estratexia, Gobernanza e Economía, Xosé Henrique Vázquez; mentres que pola da Coruña tomaron parte o reitor, Ricardo Cao, e o vicerreitor de Economía e Planificación Estratéxica, Ángel Fernández.