Villaverde destaca o porto de Ferrol-San Cibrao como nodo loxístico e enerxético do norte de Galicia
A conselleira do Mar destaca a recuperación dos tráficos rexistrada en 2025, cun incremento do 5,7% respecto ao ano anterior, así como o forte crecemento da mercadoría xeral
Tamén puxo en valor a aposta pola transición enerxética e a innovación como eixos de futuro que sitúan a Ferrol como referente na transformación do sistema portuario
Ferrol, 20 de febreiro do 2026
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, realizou hoxe unha visita institucional ás instalacións da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao no peirao de Curuxeiras, onde coñeceu de primeira man os principais proxectos en marcha e as liñas estratéxicas desta infraestrutura clave para o desenvolvemento económico e industrial do norte da comunidade.
Durante o encontro co presidente da Autoridade Portuaria, Francisco Barea, a titular de Mar puxo en valor a capacidade de adaptación do porto ferrolán nun contexto marcado polos profundos cambios derivados da política europea de descarbonización, que tiveron un impacto significativo na actividade portuaria da comarca nos últimos anos. Neste sentido, destacou o esforzo realizado para diversificar tráficos e avanzar cara a un novo modelo produtivo vinculado á loxística, ás enerxías renovables e á industria de valor engadido.
A responsable autonómica salientou a recuperación dos tráficos rexistrada en 2025, cun incremento do 5,7% respecto ao ano anterior, así como o forte crecemento da mercadoría xeral, especialmente en contedores e madeira, o que consolida ao porto como un actor relevante na cadea mar-industria galega.
A conselleira do Mar reafirmou o compromiso da Xunta coa colaboración institucional e co apoio a infraestruturas portuarias estratéxicas que contribúan a fortalecer a competitividade da economía azul, a xeración de emprego e a posición de Galicia como referente marítimo-industrial no ámbito estatal e europeo.
Transición enerxética e innovación
Na visita abordáronse tamén os proxectos de transición enerxética en marcha, entre eles o desenvolvemento de instalacións de autoconsumo renovable e a electrificación de peiraos. Unhas iniciativas aliñadas cos obxectivos europeos de redución de emisións e que sitúan a Ferrol como referente na transformación do sistema portuario.
Así mesmo, Villaverde valorou a aposta pola innovación e a cooperación tecnolóxica, destacando a participación da Autoridade Portuaria en proxectos europeos e en programas estatais como Portos 4.0, así como a creación dun comité multidisciplinar de innovación que permitirá impulsar novas solucións dixitalizadas e sostibles.