A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático visitou hoxe o alcanforeiro do castelo de Sobroso, en Mondariz, propiedade do concello de Ponteareas
Ángeles Vázquez anima aos concellos e particulares a apostar pola protección das árbores e formacións de gran valor natural existentes en Galicia
A responsable autonómica destacou o exemplo que supón o alcanforeiro do castelo de Sobroso, en Mondariz, que forma parte do Catálogo galego de árbores e formacións senlleiras desde o ano 2024
O Goberno galego concede periodicamente axudas para acometer actuacións de conservación e mellora que garantan a preservación nas mellores condicións dos exemplares incluídos no catálogo
Mondariz (Pontevedra), 20 de febreiro de 2026
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, visitou hoxe o alcanforeiro (Cinnamomum camphora) do castelo de Sobroso, localizado no concello de Mondariz e propiedade do Concello de Ponteareas, que forma parte do Catálogo de árbores e formacións senlleiras de Galicia desde decembro do ano 2024. Neste sentido, agradeceu á alcaldesa, Nava Castro, o compromiso na conservación do patrimonio natural e animou ás entidades locais e aos particulares a seguir o seu exemplo na protección das árbores e formacións existentes na comunidade que contan cun gran valor natural e aínda non forman parte do catálogo.
Durante a visita, a responsable autonómica, que estivo acompañada pola directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz, lembrou que o Goberno galego concede periodicamente axudas para acometer actuacións de conservación e mellora que garantan a preservación nas mellores condicións dos exemplares incluídos no catálogo. Segundo explicou, son dúas liñas de axudas, unha destinada a concellos e agrupacións municipais e a outra a propietarios particulares.
De feito, o Concello de Ponteareas, propietario do alcanforeiro, recibiu en 2025 unha axuda de preto de 1.900 euros para levar a cabo un estudo fisiolóxico e biomecánico e unha análise fitopatolóxica da árbore. A maiores, tamén instalou un panel informativo co obxectivo de divulgar os valores polos que foi incluído no catálogo de árbores senlleiras, que foron, en concreto, o seu porte e idade, así como a súa significación histórica e interese estético e paisaxístico. Deste xeito, promóvese tamén a educación ambiental e a posta en valor do patrimonio natural galego.
Cómpre lembrar que o Catálogo galego de árbores senlleiras é unha ferramenta aberta e en constante actualización, podendo propoñer a inclusión de elementos novos os seus propietarios, as administracións, os centros de investigación ou asociacións e aquelas entidades privadas ou públicas que teñan entre os seus fins a protección da natureza.
De feito, desde a aprobación do seu regulamento no ano 2007, foi obxecto xa de diversas revisións e periodicamente sométense a información pública novas propostas para valorar a posible incorporación de exemplares con valores salientables. Na actualidade forman parte do catálogo un total de 205 elementos -157 exemplares e 48 formacións arbóreas- pertencentes a 84 especies diferentes.