Galicia terá este ano 72 sendeiros azuis e lidera de novo a clasificación a nivel nacional
Pontevedra é a provincia española con máis recoñecementos (44) e a de Ourense suma cinco novos distintivos a sendeiros termais e de saúde
Este galardón ten gran relevancia para atraer visitantes, promover un turismo verde e de natureza e o uso público e sostible dos nosos espazos naturais
Santiago de Compostela, 20 de febreiro de 2026
Galicia terá este ano 72 sendeiros azuis, unha cifra récord e coa que volve liderar, unha vez máis, a clasificación nacional deste programa, promovido pola Asociación de educación ambiental e do consumidor (Adeac) para poñer en valor as rutas e camiños como recurso para gozar da natureza, realizar actividades deportivas e de ocio ao aire libre e axudar a interpretar ambientalmente a contorna.
Galicia concentra o 37,1% das 194 rutas galardoadas en todo o país, sendo, con diferencia, a comunidade española cun maior número de sendeiros azuis, moi por diante das segundas, a Rexión de Murcia (32) e a Comunidade Valenciana (31). Pontevedra conta este ano con 44 sendeiros azuis, o que a converte na provincia española con máis recoñecementos. A Coruña terá 15 distintivos; Lugo, 7; e Ourense, 6.
Dos 72 sendeiros azuis galegos, 20 reciben este ano o galardón por primeira vez. En concreto son os seguintes: senda dos Muíños do río Medio, en Miño; Ruta Quintá-río Donsal, en Becerreá, Navia de Suarna e Cervantes; senda perimetral Bao-Xastelas, na Illa de Arousa; senda dos Muíños de Lores, en Meaño; sendeiro fluvial do río Louro, en Mos; e o sendeiro con da Romaíña-con da Ventureira, en Sanxenxo. Ademais, o Concello de Vigo suma nove sendeiros locais novos, que son os de Candeán, Cabral, Bembrive-Beade, Coruxo, Matamá-Comesaña, Oia, Saiáns, Valadares e Zamáns.
A maiores, este ano incorpóranse a esta rede, cinco novos sendeiros termais e de saúde na provincia de Ourense -Arnoia, Laias (Cenlle), Lobios, O Carballiño e Ribadavia-. Estes recorridos combinan deporte, ocio e benestar e, ao mesmo tempo, contribúen á recuperación e posta en valor do patrimonio natural e cultural. Tamén son rutas accesibles que animan a desfrutar da natureza e a practicar hábitos saudables.
Este galardón ten gran relevancia para atraer visitantes á Comunidade e promover un turismo de natureza e, á vez, o uso público e sostible dos espazos naturais, promovendo o seu coñecemento a través das múltiples rutas que axudan a percorrelos e coñecer a beleza e rica biodiversidade que albergan.
En canto aos datos a nivel nacional, en 2026 galardoase o maior número de Sendeiros Azuis (194) desde a posta en marcha do programa e supéranse xa os 1.200 quilómetros de sendas no conxunto do país.
En todo caso e aínda que hoxe se fixo pública a relación completa de galardoados en 2026, o acto de entrega oficial das bandeiras aos concellos con Sendeiros Azuis realizarase en Cullera (Valencia) o vindeiro 6 de marzo.
Obxectivos principais
Cómpre lembrar que o programa Sendeiro Azul premia e recoñece cada ano a recuperación e posta en valor de rutas, sendas e itinerarios peonís mediante a súa transformación en contornas respectuosas, resilientes e sostibles.
Nesta liña, entre os principais obxectivos da iniciativa inclúense o fomento da conectividade ecolóxica e a restauración ambiental; a contribución coa análise de fontes cartográficas e de datos á planificación e xestión de zonas naturais; o fortalecemento da coordinación entre as administracións con competencias nestes espazos; a integración transversal de aspectos económicos, ambientais e sociais, e a mellora do coñecemento e sensibilización ambiental.
Ademais, realízase unha revisión periódica dos seguintes aspectos: características das sendas e trazados; estado da información, sinalización e infraestruturas; conservación e xestión do patrimonio natural e cultural, e uso público e desfrute.