A Xunta publica no DOG o decreto que regula o marcado de ovos para axilizar a súa venda, mellorar as garantías dos consumidores e cumprir a normativa

Entrará en vigor dentro de 20 días e enmárcase na obriga de instaurar en Galicia a nova lexislación comunitaria e estatal

O texto regula as cuestións como  o lugar no que debe realizarse o marcado e o código distintivo dos ovos ou o réxime das autorizacións naqueles supostos nos que se pode excepcionar o marcado de ovo, entre outras

Unha das novidades máis salientables con respecto á normativa anterior é que se permite, con autorización previa, o marcado tamén nos centros de embalaxe e non só nas graxas

Santiago de Compostela, 20 de febreiro de 2026

A Consellería do Medio Rural publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) o decreto polo que se regula o marcado de ovos. Entrará en vigor dentro de 20 días e con el procúrase axilizar a comercialización deste produto, respaldando o estado sanitario dos produtos e a súa trazabilidade, ao tempo que se melloran as garantías para os consumidores e se cumpre a normativa comunitaria e nacional nesta materia. 

O texto regula as cuestións como o lugar no que debe realizarse o marcado e o código distintivo dos ovos, o réxime das autorizacións naqueles supostos nos que se pode excepcionar o marcado de ovos, as normas sobre a etiquetaxe dos estoxos e o embalaxe dos ovos, a etiquetaxe facultativa e os distintos controis aos que están sometidos os centros de embalaxe.

Unha das novidades máis salientables con respecto á normativa anterior é que se permite, con autorización previa, o marcado tamén nos centros de embalaxe e non só nas graxas, o que lle outorga unha maior garantía ao consumidor final e máis seguridade xurídica para estes centros. Así, axilízase de xeito considerable o proceso de comercialización. En todo caso, con carácter xeral, o marcado levarase a cabo na súa explotación de orixe.

Este decreto consta dunha parte expositiva de 28 artigos, estruturados en tres capítulos. As materias reguladas, ademais da propia autorización de marcado nos centros de embalaxe, inclúe excepcións que se establece á obriga de dita marcaxe. Isto ten especial relevancia na nosa comunidade, tendo en conta a importancia da venda directa deste produto en Galicia.

A entrada en vigor deste decreto enmárcase na obriga de instaurar en Galicia a nova lexislación comunitaria e estatal, cun novo contexto xurídico que resposta a esta nova normativa e ás competencias que ten Galicia neste eido. 

Ligazón ao decreto no DOG:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2026/20260220/AnuncioG0426-100226-0004_gl.html

Data de actualización: 20/02/2026