Trátase dunha competición de referencia en Europa para escolas de dirección hoteleira
A Xunta leva a profesionalización do sector turístico a Europa coa presenza do Centro Superior de Hostalería na EMCUP 2026
O CSHG participou cun equipo de catro alumnos durante dúas xornadas de competición, nas que tiveron que presentar distintas propostas ante un xurado profesional
Santiago de Compostela, 21 de febreiro de 2026
O Centro Superior de Hostalería de Galicia (CSHG) vén de completar a súa participación na EMCup 2026. Esta é unha competición de referencia para o sector turístico en Europa e, especificamente, para as escolas de dirección hoteleira, que acada en 2026 a súa 18 edición.
No certame, que se desenvolveu recentemente en Ámsterdam (Países Baixos), participou un equipo do CSHG, conformado por catro estudantes. A convocatoria reuniu arredor de 30 escolas de distintos países, que nesta edición tiveron que traballar arredor das áreas de alimentos e bebidas nos hoteis, sobre as que realizaron distintos retos de xestión, innovación e comunicación profesional.
En concreto, a proposta implicaba repensar a restauración no ámbito hoteleiro, co obxectivo de dar resposta a un potencial hóspede que buscase experiencias auténticas e conectadas coa cultura local. Como engadido, debíase lograr combinar as perspectivas de orzamento e calidade.
Para isto, previo ao evento, contouse cunha fase de preparación previa, durante a que cada equipo tivo que desenvolver distintas documentacións, entre elas un whitepaper, relacionados coa temática. Estes materiais contáronse para a avaliación oficial.
Durante as dúas xornadas do propio evento, o equipo tivo que presentar e defender distintas propostas ante un xurado profesional. Realizáronse, entre outros, dinámicas de caso e pitches profesionais, onde se valoraron competencias como a estratexia, a creatividade, a viabilidade da proposta, o traballo en equipo ou a capacidade de comunicación.
Profesionalización do sector turismo
A participación na EMCup alíñase coa estratexia da Xunta de profesionalización do sector turismo, canalizada a través do CSHG. O Centro ten como unha das súas claves educativas a formación universitaria orientada á práctica e á internacionalización do seu alumnado. Desde a súa creación, hai 30 anos, formou xa a máis de 3.200 profesionais.