A reunión enmárcase no modelo de cogobernanza que caracteriza a xestión pesqueira en Galicia e permitiu facer unha primeira valoración da presente campaña

A Xunta e o sector sentan as bases do Plan experimental de xestión do polbo para a campaña 2026/27

Santiago de Compostela, 20 de febreiro do 2026

O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Isaac Rosón, mantivo un encontro cos presidentes da Federación Galega de Confrarías de Pescadores e das federacións provinciais para abordar o deseño do plan experimental para a xestión do polbo (Octopus vulgaris) de cara á campaña 2026/27. A xuntanza insírese no marco do modelo de cogobernanza que preside a política pesqueira da Comunidade, baseado no diálogo permanente e na toma de decisións compartida entre a Administración autonómica e o propio sector.

Este primeiro encontro serviu para sentar as bases do novo plan de xestión de cara á próxima campaña, abrindo un proceso de traballo conxunto que permitirá analizar os resultados das medidas adoptadas, avaliar a súa eficacia e avanzar na definición das condicións máis axeitadas para compatibilizar a conservación do polbo coa viabilidade económica da frota que depende deste recurso. Tamén realizouse unha valoración da presente campaña xunto coas medidas adoptadas, considerando satisfactorio o seu resultado.

A Consellería do Mar reafirma así o seu compromiso cunha xestión responsable e participada dos recursos pesqueiros, sustentada no coñecemento técnico, no consenso co sector e na adaptación continua ás necesidades da actividade e do medio mariño.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 20/02/2026