Miguel Corgos sinala o papel fundamental dos fondos europeos no desenvolvemento rural e urbano de Galicia e na súa converxencia
A Comunidade galega recibiu desde 1986 máis de 32.000 M€ que contribuíron ao seu desenvolvemento social e económico
Galicia escalou sete posicións entre as CC.AA. en termos de PIB por habitante e pasou de representar o 77,6 % da media hai dúas décadas ao 92,5 % no ano 2024
O conselleiro de Facenda e Administración Pública participou en Ponteareas no lanzamento dos fondos europeos relativos aos Plans de Actuacións Integrados (PAI)
Ponteareas (Pontevedra), 20 de febreiro de 2026
O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, sinalou hoxe, durante a presentación dos fondos europeos relativos aos Plans de Actuacións Integrados (PAI) o papel fundamental deses fondos no desenvolvemento rural e urbano de Galicia e a súa relevancia á hora de mellorar o crecemento e a converxencia da Comunidade.
O conselleiro de Facenda subliñou que Galicia recibiu desde o ano 1986 máis de 32.000 millóns de euros que contribuíron “de maneira definitiva ao desenvolvemento social e económico da nosa comunidade.” Explicou, ademais, que o 65% deses recursos se corresponden con asignacións dos fondos estruturais da Política de Cohesión (FEDER e Fondo Social).
Así mesmo, destacou que, segundo o último informe sobre cohesión económica da UE, Galicia escalou sete posicións entre as CC.AA. en termos de PIB por habitante e pasou de representar o 77,6 % da media hai máis de dúas décadas ao 92,5 % no ano 2024. De feito, sinalou, “Galicia é a rexión que máis creceu en PIB per cápita de España, un 3,8% de media anual entre os anos 2000 e 2024, case un punto por riba da media anual de España (3,0%).”
Plans de Actuacións Integrados
Miguel Corgos explicou que os Plans de Actuación Integrados (PAI) son recursos comunitarios que facilitan que os concellos poidan impulsar transformacións urbanas coordinadas, para xerar un impacto real sobre o territorio. Lembrou que no marco 2014-2020 “beneficiáronse 16 concellos galegos, con 118 millóns de euros, o que supuxo unha mobilización de case 150 millóns.”
O conselleiro de Facenda adiantou que no actual marco 21-27, o 8% dos fondos FEDER que recibe España destínase ao desenvolvemento urbano sostible, o que supón 1.774M€, dos que Galicia recibe o 10% (176,4M€). En conxunto, benefícianse 54 concellos galegos de distintos tamaños a través de 28 proxectos que adaptan “a política de cohesión á realidade territorial rexional e local.”
Novo marco financeiro 2028-2034
Miguel Corgos insistiu en que, de cara ao novo marco financeiro plurianual 2028-2034, é importante “recoñecer o papel das Comunidades Autónomas para o deseño e xestión no ámbito das súas competencias, promovendo unha colaboración estreita coas administracións locais.”
As rexións contan cunha longa traxectoria na programación, execución e control de Fondos Europeos, explicou Corgos, polo que é precisa unha “gobernanza multinivel en todas as fases da súa xestión, desde a programación, ata o seguimento, a comunicación, e o control e avaliación. Sinalou tamén a importancia de ter “fondos específicos” destinados ao desenvolvemento territorial integrado (urbano, rural, zonas costeiras) para poder “seguir construíndo a nosa Galicia calidade.”