Medio Rural e A Veiga reforzan a súa cooperación na valorización da riqueza forestal deste municipio

A conselleira María José Gómez reuniuse este mediodía co alcalde deste concello, Juan Anta, para avanzar na colaboración a prol da dinamización do rural

Santiago de Compostela, 20 de febreiro de 2026

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, reuniuse esta mañá no seu despacho de San Caetano co alcalde da Veiga, Juan Anta. Na xuntanza avaliáronse as diferentes vías de colaboración entre a Xunta e o Concello a prol do rural deste municipio, en particular no que atinxe á posta en valor da súa riqueza forestal.

Neste sentido, cómpre lembrar que A Veiga conta xa con tres agrupacións forestais de xestión conxunta constituídas, o que favorece a valorización dos montes do seu territorio, xa que esta ferramenta, posta en marcha pola Consellería, está pensada para impulsar a produtividade forestal e evitar o abandono.

Precisamente, e co fin de fomentar esta figura, o Goberno galego publicou o pasado día 10 deste mesmo mes de febreiro unha nova orde de axudas, dotada cun orzamento de 2.125.000 euros para as anualidades de 2026 e 2027. Isto supón un incremento do 50 % con respecto á convocatoria anterior. Mediante estas achegas procúrase facilitar a creación de novas agrupacións forestais, apoiar a consolidación das xa existentes,  incrementar a superficie forestal xestionada de forma conxunta e mellorar a capacidade organizativa, técnica e comercial destas entidades.

Na actualidade están en funcionamento un total de 24 agrupacións en toda Galicia, pero unha vez executada ao completo a convocatoria de 2025 destas axudas estímase que se terán creado outras 40 novas agrupacións, incorporando estas unha superficie forestal agrupada de máis de 4.800 hectáreas, co que o número total de entidades rexistradas situarase ao redor das 65.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/02/2026