Román Rodríguez avanza que ao longo do mes de marzo se recuperará o uso do comedor e a cociña do Colexio Plurilingüe de Tenorio

A recuperación do almacén no que se orixinou o lume estenderase ata o mes de maio, así como a recuperación dos falsos teitos da biblioteca e o Polo Creativo

O orzamento estimado total dos traballos de rehabilitación tras o lume ascenden a arredor de 300.000 €

O conselleiro de Educación visita o centro e salienta a cooperación entre Concello, técnicos e empresas como exemplo de eficiencia na reparación deste centro

Cerdedo-Cotobade (Pontevedra), 21 de febreiro de 2026

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, achegouse hoxe ao Colexio Plurilingüe de Tenorio (Cerdedo-Cotobade) para comprobar o resultado da intervención levada a cabo neste centro logo do incendio acontecido no almacén anexo ao comedor. No transcurso da visita xunto ao alcalde, Jorge Cubela, anunciou que a previsión é que, ao longo do mes de marzo se poida ir recuperando o uso do comedor e a cociña. A recuperación do almacén no que se orixinou o lume estenderase ata o mes de maio, así como a recuperación dos falsos teitos da biblioteca e o Polo Creativo. O orzamento estimado total dos traballos de rehabilitación tras o lume ascenden a arredor de 300.000 €.

O titular do departamento da Xunta agradeceu a “dilixencia e bo facer” do Concello, dos técnicos da Consellería e das empresas. “A posta en común e o entendemento que houbo en todo momento é un exemplo de que a colaboración institucional e a boa disposición é prioritaria para resolver os problemas dos cidadáns en xeral e, neste caso concreto, de ofrecerlle unha solución rápida e áxil á comunidade educativa de Cerdedo-Cotobade”, salientou o conselleiro.

Tras o incendio acontecido nun almacén anexo ao comedor do colexio, a Xunta, en colaboración co Concello e coas empresas de limpeza e de construción, acelerou ao máximo os traballos de reparación e limpeza co fin de garantir a actividade lectiva ordinaria este xoves logo da volta das vacacións de Entroido.

As actuacións xa rematadas abrangueron a limpeza profunda por parte dunha empresa especializada das estancias afectadas, a aplicación de tratamentos con ozono para eliminar o cheiro a queimado e os restos de fume, a retirada de escombros e falsos teitos danados, así como a revisión da instalación eléctrica. Tamén se contratou un servizo de cátering provisional, ata que se poida recuperar o uso da cociña e o comedor.

Rematadas estas tarefas, comezan agora os traballos para poñer de novo en funcionamento a calefacción, así como a limpeza en profundidade da cociña e comedor, incluíndo unha revisión dos electrodomésticos. Así mesmo, mudarase a instalación eléctrica das zonas máis afectadas e substituiranse os falsos teitos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/02/2026