Rueda reitera o apoio do Executivo galego ao sector naval, estratéxico para Galicia
Recibiu por parte dos representantes do Colexio Oficial de Enxeñeiros Navais e Oceánicos a insignia da súa institución
Santiago de Compostela, 21 de febreiro de 2026
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado da conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, reuniuse hoxe coa Delegación Territorial en Galicia do Colexio Oficial de Enxeñeiros Navais e Oceánicos, que recentemente renovou a Xunta de Goberno.
No encontro, o titular do Executivo galego reiterou o apoio do seu Goberno ao naval, que é un sector estratéxico para a comunidade. Neste sentido, falaron do desenvolvemento do Plan Director Naval, que se aprobou no Consello da Xunta no pasado mes de marzo e que está a ser un instrumento estratéxico para modernizar e reforzar a competitividade do naval galego.
Por último, os representantes da entidade fixeron entrega a Alfonso Rueda da insignia da súa institución.