O conselleiro de Sanidade, xunto co xerente da área sanitaria, interveu no acto de homenaxe aos empregados da sanidade pública galega que rematan a súa vida laboral
Gómez Caamaño recoñece a traxectoria dos 175 profesionais da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras que se xubilaron no 2025
Destaca que o sistema sanitario público galego é un dos grandes orgullos da comunidade e o seu verdadeiro patrimonio son as persoas que durante anos dedicaron a súa vida a coidar da saúde da cidadanía
A Xunta segue a traballar para mellorar as condicións e a estabilidade profesional do persoal do Servizo Galego de Saúde, escoitando, dialogando e atendendo as súas necesidades
Ourense, 21 de febreiro de 2026
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, recoñeceu a traxectoria dos 175 profesionais da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras que se xubilaron no ano 2025 e que dedicaron toda a súa vida laboral á mellora continua do sistema sanitario e a coidar das persoas, cun compromiso exemplar.
O titular da carteira sanitaria da Xunta, acompañado do xerente da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, Santiago Camba, interveu no acto de homenaxe aos empregados da sanidade pública galega desta área, que tivo lugar esta mañá no Teatro Principal de Ourense.
O conselleiro incidiu en que o agradecemento que lle trasladou no nome do Goberno galego non é algo protocolario, senón é fondo, xusto e necesario, porque reivindica traxectorias profesionais que representan o mellor de cada un deles. O recoñecemento faise ademais a profesionais dunha provincia que coñecen ben o significado dos grandes retos da sanidade galega, como o envellecemento e a dispersión xeográfica.
O conselleiro referiu que o sistema sanitario público galego é un dos grandes orgullos da comunidade e o seu verdadeiro patrimonio son todas as persoas que, como os homenaxeados, durante anos dedican a súa vida a coidar da saúde da cidadanía galega.
Mellora das condicións e estabilidade laboral
A Xunta segue a traballar para mellorar as condicións e a estabilidade profesional dos traballadores do Servizo Galego de Saúde, escoitando, dialogando e atendendo ás súas necesidades.
Nesta liña o conselleiro lembrou que o obxectivo da Xunta é que todos os profesionais poidan desenvolver o seu labor nas mellores condicións.
Gómez Caamaño rematou a intervención destacando o exemplo que transmiten os profesionais que agora se xubilan, coa súa entrega e fonda pegada nos pacientes aos que atenderon ao longo da súa traxectoria profesional.