A delegada territorial visitou esta mañá obras de mellora no concello de Ortigueira

Martina Aneiros lembra que a convocatoria do Plan Camiña Rural para concellos permanece aberta ata o 5 de marzo

A nova convocatoria está dotada cun crédito de case 19 M€ para o período 2026-2027

Con estas axudas poderán financiarse actuacións de ampliacións ou mellora dos camiños que formen parte da rede viaria de acceso a unha ou a varias entidades de poboación

Ortigueira (A Coruña), 23 de febreiro de 2026

A delegada territorial da Xunta, Martina Aneiros, acompañada polo alcalde de Ortigueira, comprobou esta mañá as actuacións de mellora de camiños que se están executando ao abeiro do Plan Camiña Rural neste concello, concretamente o camiño de Caxigueira onde se procedeu á aplicación dunha triple capa de rego asfáltico e aglomerado quente, con cargo á convocatoria pasada na que se lle recoñeceu unha achega de case 110.000 euros.

Durante esta visita, a representante autonómica lembrou que a convocatoria deste Plan dirixido a concellos permanece aberta ata o vindeiro 5 de marzo e está dotada cun crédito de case 19 M€ para o período 2026-2027. Estas achegas están cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan Estratéxico da PAC 2023-2027 de España e os seus beneficiarios son todos os concellos galegos que, con cargo a estas axudas, poderán acometer traballos de ampliación ou mellora nos camiños que formen parte da rede viaria de acceso a unha ou a varias entidades de poboación.

Aneiros destacou a importancia destas subvencións, xa que os camiños rurais “vertebran o territorio e son claves na dinamización social e económica do noso agro, destacando o traballo realizado nos últimos anos pola Xunta que, desde 2016 e cando se completen os traballos da última convocatoria de 2025, terase actuado en preto de 6.700 camiños, cunha lonxitude total duns 5.200 quilómetros e un importe de achegas de case 156 millóns de euros en toda Galicia.

Estes fondos asígnanse a partir de cantidades fixas que se modulan empregando criterios de localización, despoboamento, superficie do concello e un coeficiente de agrariedade, onde se empregan datos de carácter socioeconómico vinculados á actividade agraria, que é a que se prima desde a PAC, e que debe ser o eixe principal da actividade económica no rural.

A delegada territorial destacou que a Xunta investiu na última convocatoria 1,1 M€ na mellora de infraestruturas viarias en 18 concellos das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal a través do Plan Camiña Rural 2025-2026.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/02/2026