A Xunta destaca a Feira de Orientación de Cangas como unha oportunidade para que os alumnos coñezan a oferta formativa da comarca
A directora xeral de FP visita o evento, impulsado polo Instituto de Rodeira, con 19 stands nos que se dan cita centros educativos e universidades
Cangas (Pontevedra), 23 de febreiro de 2026
A Xunta de Galicia salienta a Feira de Orientación do IES de Rodeira, en Cangas, como unha oportunidade para que os alumnos coñezan a oferta educativa da comarca. Así o destacou esta mañá a directora xeral de FP, Eugenia Pérez, que visitou o evento, impulsado polo instituto cangués, onde se dan cita un total de 19 stands de centros educativos e universidades.
De feito, tal e como subliñou a representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, este tipo de encontros son puntos de información “moi proveitosos” para a orientación vocacional e profesional dos estudantes e das familias, ao tempo que os centros educativos teñen a oportunidade de visibilizar as súas boas prácticas académicas.
Ademais do IES de Rodeira, que exerce de anfitrión, na feira están presentes os institutos de Monte Carrasco e María Soliño, ambos de Cangas, As Barxas e A Paralaia, ambos de Moaña, Illa de Ons e Johan Carballeira de Bueu, Politécnico de Vigo, os centros integrados de FP CIFP Valentín Paz Andrade e Audiviosual de Vigo entre outros. Tamén contan con stands as universidades de Santiago de Compostela (USC) e de Vigo (UVigo), neste último caso a través das Escolas de Enxeñaría Industrial e de Enxeñaría Forestal, e das facultades de Ciencias do Mar, de Dirección e Xestión Pública e de Ciencias Económicas e Empresariais.