A Xunta e o concello de Manzaneda reforzan a súa colaboración para a loita contra os incendios forestais e a mellora de infraestruturas rurais

A conselleira María José Gómez recibiu en San Caetano ao alcalde da localidade, Pedro Yáñez, para abordar estes e outros temas de interese a prol do agro neste municipio

Santiago de Compostela, 23 de febreiro de 2026

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, recibiu esta mañá no seu despacho de San Caetano ao alcalde de Manzaneda, Pedro Yáñez, para reforzar a colaboración entre ambas partes sobre asuntos como a prevención e defensa diante dos incendios forestais ou a mellora das infraestruturas rurais.

Así, púxose en valor a cooperación entre Xunta e Concello no marco do convenio de xestión da biomasa nas faixas secundarias subscrito entre Medio Rural e Seaga e que se vén de renovar, co fin de seguir apoiando aos entes locais e aos particulares para que poidan cumprir a normativa neste eido. Precisamente, en relación con este tema, cómpre lembrar que Manzaneda ten xa solicitada a súa adhesión ao novo convenio e conta tamén co seu plan municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais, para cuxa elaboración contou co apoio da Consellería e aprobado polo Concello ao abeiro deste acordo.

 

No que atinxe ás infraestruturas, hai que sinalar que Manzaneda recibiu desde o ano 2020 máis de 260.000 euros en concepto de subvencións por parte da Xunta para a mellora dos seus camiños rurais e, na última convocatoria resolta destas achegas, correspondente ao período 2025-2026, ten asignados algo máis de 52.000 euros para esta mesma finalidade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/02/2026