Medio Rural avalía novas vías de colaboración co sector forestal para afondar na certificación de monte en Galicia
A directora xeral de Planificación de Ordenación Forestal reuniuse hoxe con representantes de PEFC Galicia, un distintivo co que contan máis de 500.000 hectáreas na nosa comunidade, o que implica que está cumprindo cos obxectivos do Plan Forestal
Santiago de Compostela, 23 de febreiro de 2026
A directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Luisa Piñeiro, reuniuse na mañá de hoxe con representantes da Asociación Galega Promotora da Certificación Forestal-PEFC Galicia, con quen avaliou novas vías de colaboración para afondar na certificación do monte en Galicia.
De xeito concreto, Galicia goza de 645 montes certificados co selo PEFC, a maior parte deles montes veciñais en man común en convenio co Goberno autonómico, cunha superficie conxunta de 161.000 hectáreas, o que supón que o 31 % da superficie certificada en Galicia está baixo xestión pública. A directora xeral asegurou que o obxectivo do Goberno autonómico é seguir traballando nesta liña nos vindeiros anos, para aumentar esta superficie.
Cabe sinalar que PEFC é un dos distintivos de certificación da xestión forestal sostibles máis implantados no ámbito internacional. En toda España hai preto de tres millóns de hectáreas amparadas baixo este distintivo, das cales 508.000 están en Galicia, polo que o obxectivo marcado no Plan Forestal de Galicia 2021-2040 para o ano 2025 está xa cumprido.