A Xunta publica os 45 beneficiarios das axudas de 2025 para impulsar a elaboración e promoción do viño galego por un importe total de 6,7 M€

O Diario Oficial de Galicia recolle hoxe as resolucións correspondentes da Consellería do Medio Rural

As achegas para elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas teñen por obxecto mellorar o rendemento global das empresas do sector vitivinícola e a súa adaptación ás demandas do mercado, así como aumentar a súa competitividade

A liña destinada a apoiar a promoción busca fomentar o coñecemento das características e calidade dos viños galegos para contribuír á mellora da súa competitividade

Santiago de Compostela, 24 de febreiro de 2026

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe cadansúa resolución da Consellería do Medio Rural cos beneficiarios das axudas correspondentes á convocatoria de 2025 para a elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas, por un lado, e tamén para a súa promoción en mercados de terceiros países, por outro. En conxunto, ascende a 45 o número de beneficiarios de ambas liñas, cun investimento total que supera os 6,7 millóns de euros.

No primeiro caso, as achegas para elaboración e comercialización permitiron beneficiar 27 entidades, a maior parte delas nas provincias de Ourense e Pontevedra, cun orzamento de máis de 5,4 millóns de euros para chegar a un investimento subvencionable de 18 millóns.

A través desta liña perséguese mellorar o rendemento global das empresas do sector vitivinícola e a súa adaptación ás demandas do mercado, así como aumentar a súa competitividade. Trátase tamén de fomentar a certificación ambiental das empresas, propiciar a produción ecolóxica e os produtos acollidos a réximes de calidade e favorecer a innovación e a implantación de novos produtos. Así mesmo, impulsan o incremento da dimensión empresarial, potencian a participación dos viticultores e elaboradores na cadea de valor, impulsan os investimentos e comercialización e promoven a introdución das tecnoloxías dixitais.

No que atinxe ás achegas para promoción, son en total 18 as entidades beneficiarias, por un importe de 1,27 millóns de euros e un investimento subvencionable que supera os 2,5 millóns de euros. Estas axudas teñen por finalidade promocionar o coñecemento das características e calidade dos viños galegos para contribuír á mellora da súa competitividade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/02/2026