A delegada territorial da Xunta en Ferrol visitou esta mañá o Concello de Ares, beneficiario da convocatoria do ano pasado
Martina Aneiros anima aos concellos a solicitar as axudas da Xunta para mellorar a xestión dos residuos
A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático mantén aberta ata o 6 de marzo a convocatoria de achegas, que este ano conta cun orzamento de máis de 5,1 millóns de euros repartido en varias liñas
Os concellos xa non estarán obrigados a aportar o 10% do investimento e o IVE será subvencionable, reducindo o esforzo que terán que facer as entidades locais, o que beneficia ás de menor tamaño e con menos capacidade financeira
Ares (A Coruña), 24 de febreiro de 2026
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, animou aos concellos a solicitar as axudas da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático para a execución de proxectos e medidas que contribúan a optimizar a xestión dos residuos de competencia municipal. Así o indicou esta mañá, acompañada da directora territorial da Consellería, Pilar Arias, e da concelleira de Medio Ambiente de Ares, durante unha visita ao este Concello, unha das seis entidades locais do territorio da Delegación beneficiarias destas axudas na convocatoria do ano pasado.
O Concello de Ares percibiu unha achega de máis de 100.000 euros destinados á adquisición dun camión cunha caixa adaptada para o seu uso como punto limpo móbil, contedores e composteiros domésticos, entres outros.
A convocatoria de axudas deste ano ten aberto o prazo de solicitudes ata o vindeiro 6 de marzo e conta cun orzamento de máis de 5,1 millóns de euros distribuídos en distintas liñas de axudas para avanzar cara a un modelo de economía circular a nivel local e na loita contra o cambio climático.
Como novidade, nesta ocasión flexibilízanse os requisitos de acceso a estas subvencións coa finalidade de que cheguen a un maior número de entidades locais, facilitando o acceso das de menor tamaño. Entre as melloras introducidas están que os concellos xa non estarán obrigados a aportar o 10% do investimento pois agora a Xunta asumirá o 40% do investimento e o 60% restante corre a cargo do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) para o período 2021-2027.
Outra das novidades que inclúe esta convocatoria é que o IVE será subvencionable, reducindo o esforzo financeiro que terán que facer os municipios e beneficiando aos de menor tamaño e con menos capacidade financeira.
Liñas de axudas
Aneiros destacou que “a Xunta segue a carón das entidades locais para facilitar o exercicio das súas competencias en materia de residuos, brindándolles apoio económico para axudalas a avanzar na redución da produción de refugallos, no incremento da reciclaxe e no fomento da concienciación ambiental da poboación”.
Nesta convocatoria unifícanse nunha única orde as distintas liñas de axudas. A recollida e tratamento de biorresiduos conta con tres liñas de axudas que suman algo máis de 3 millóns de euros. A primeira céntrase na recollida separada e nela valóranse especialmente os proxectos de grandes produtores de sectores como o da hostalería ou o da alimentación.
A segunda liña ten como obxectivo a adquisición de vehículos específicos para a recollida de biorresiduos e a terceira liña está dirixida á posta en marcha de iniciativas que contribúan a avanzar na implantación da compostaxe doméstica e comunitaria.
A liña catro é para accións relacionadas coa xestión de residuos téxtiles e que permitan garantir a continuidade da implantación da recollida separada desta fracción.
As liñas 5 e 6 están dirixidas a accións de modernización e mellora dos puntos limpos fixos e móbiles co fin último de consolidar e optimizar a rede de recollida separada de residuos domésticos especiais que quedan fóra do servizo domiciliario e non se poden depositar en contedores específicos. Trátase de residuos como aparatos eléctricos e electrónicos, voluminosos, aceites, residuos perigosos, entre outros.
A sétima liña, de nova creación, permite apoiar por primeira vez de forma específica proxectos de dixitalización dos servizos municipais de residuos e a implantación progresiva de sistemas de pago por xeración.