A Xunta reclama ao Goberno central planificación e investimentos para dotar a Galicia dun sistema ferroviario moderno e competitivo
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, critica a “falta de información directa, clara e transparente” do Ministerio sobre os constantes incumprimentos e incidencias e denuncia o agravio continuo a Galicia neste ámbito
Destaca a falta de concreción de obras, prazos e investimentos do Plan Director do Corredor Atlántico e reclama que Ferrol e Vigo sexan portos nodais
Considera inviable o compromiso do Executivo estatal de que o AVE Vigo-Porto estea operativo na parte española no horizonte 2030-2032 cando coa tramitación actual non sería posible ata 2038 e destaca “maior vontade política” do país luso con esta infraestrutura estratéxica para a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal
Santiago de Compostela, 24 de febreiro de 2026
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, denunciou hoxe no Parlamento galego a situación xeral na que se atopa a prestación do servizo de transporte ferroviario en Galicia, motivada polos problemas acumulados nas últimas semanas con máis incidencias das habituais que dificultan a mobilidade da poboación galega. Nunha comparecencia a petición propia criticou que, como sempre, falta por parte do Goberno central “información directa, clara e transparente do que pasa, as causas e as medidas que hai que adoptar”. Tamén achacou a “falta de previsión, mantemento e planificación”, así como a necesidade de investimentos para dotar a Galicia dun sistema ferroviario moderno e competitivo con tempos de viaxe razoables e frecuencias suficientes. “Non pedimos privilexios para Galicia, esiximos o que por xustiza lle corresponde”, resaltou.
Nesta liña, criticou o agravio continuo do Executivo estatal á Comunidade galega cun trato diferente a outros territorios e puxo como exemplo a inacción e falta de transporte alternativo de Renfe hai unhas semanas ante a suspensión de servizos ferroviarios polas condicións climatolóxicas adversas. “Algo que noutros territorios non pasa” e en Galicia foi a Xunta a que ofertou case un cento de reforzos no eixo atlántico ante esta situación.
Fixo referencia aos incumprimentos de horarios e tempos de viaxes ou á deficiente oferta de frecuencias e prazas no eixo atlántico, ademais de que seguen sen recuperarse servizos suprimidos durante a pandemia da covid. A isto hai que sumar, engadiu, a suspensión do servizo entre Ferrol e A Coruña ou a recente eliminación de conexións entre Vilagarcía de Arousa e Santiago. No que se refire á alta velocidade, sinalou que tampouco aumentaron as conexións e, ao mesmo tempo, mantense o agravio con Ferrol, que non recuperou a única conexión directa que tiña con Madrid, Lugo non dispón de novas frecuencias e A Gudiña e Vilagarcía non recuperaron tampouco os servizos eliminados. No caso de Ferrol e Lugo incidiu en que o AVE segue sen chegar a estas cidades e que a urbe ferrolá é a única sen proxecto de estación intermodal polo bloqueo de Adif. De feito, ante a “desidia” do Goberno central coas actuacións necesarias na comarca de Ferrolterra, a Xunta impulsou un estudo para mellorar a mobilidade e o transporte ferroviario nesta comarca. Un estudo que se remitiu ao Goberno central sen que ata o de agora respondese ao Goberno galego respecto do mesmo.
Ademais, criticou que os problemas de puntualidade na alta velocidade “é unha constante” e mantense a ampliación no tempo de demora para que os viaxeiros teñan dereito a reclamar unha indemnización.
No que se refire ás obras pendentes en materia ferroviaria, o conselleiro incidiu nas infraestruturas do Plan Director do Corredor Atlántico, do que a Xunta aínda non coñece as cifras e prazos concretos que manexa o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible sobre a relación de obras e o horizonte temporal da súa execución. Por iso, detallou as iniciativas e foros nos que participou a Xunta para reclamar a necesidade de avanzar nesta infraestrutura estratéxica. A máis recente é a reunión que o propio conselleiro tivo o pasado venres en Bruxelas coa asesora do coordinador do Corredor Atlántico, na que insistiu nesta cuestión e na necesidade de que se detallen todas as actuacións, investimentos e calendario deste Plan e no que se contemple a necesaria coordinación con Portugal.
Neste encontro, como lembrou hoxe, reclamou a integración plena de Galicia neste corredor multimodal transeuropeo e que se garanta a conexión ferroviaria para os principais portos galegos. Isto supón recoñecer a Ferrol e Vigo como portos nodais da rede básica para que a súa comunicación co tren, ao igual que A Coruña, estea rematada en 2030 e non en 2050 coa súa identificación actual na rede global. “Non ten sentido que os portos de Vigo e Ferrol non sexan portos nodais”, incidiu.
No caso do porto de Vigo, sinalou que pese a ser un dos 10 máis activos de España polas súas importantes cifras de tráfico e emprego, a “exclusión” do Ministerio impídelle acceder aos fondos do Mecanismo Conectar Europa e supón quedar fóra dos fondos para portos nodais, unha categoría “que teñen portos con menos tráfico que o vigués”. No caso de Ferrol, o “bloqueo” do Goberno central impide a súa conexión coa península.
Do mesmo xeito, como outras actuacións pendentes neste ámbito destacou a necesidade de modernizar a liña Ferrol-A Coruña -empezando polo baipás de Betanzos- e A Coruña-Monforte, a saída do porto de Bouzas, pola liña do Miño ata Ourense, e a conversión da rede ferroviaria galega ao ancho internacional, xa que actualmente o 80% ten ancho ibérico.
Á falta de concreción sobre o Plan Director do Corredor Atlántico engádese o grupo de traballo para facer seguimento deste plan que o Ministerio constituíu en xaneiro do ano pasado e que está coordinado polo comisionado do Corredor Atlántico. Cómpre indicar que a Xunta non ten información de quen integra o grupo nin de se tivo actividade en máis dun ano en funcionamento.
Obras de alta velocidade pendentes
Canto aos traballos necesarios para optimizar o tempo de percorrido do AVE Galicia-Madrid destacou a necesidade de impulsar a Variante Exterior de Ourense e completar a dotación da dobre vía, xa que o feito de que aínda haxa 120 quilómetros en vía única provoca que esta liña teña ata un 75% menos de capacidade que a media dos corredores de alta velocidade.
Por outra parte, respecto á conexión ferroviaria de alta velocidade entre Galicia e o norte de Portugal advertiu de que co retraso que acumula a Saída Sur de Vigo e o treito entre O Porriño e a fronteira portuguesa é inviable o horizonte 2030-2032 do Goberno central. Tendo en conta que aínda está por definir unha nova ponte internacional entre ambos estados, tal e como se informou esta semana no Consello da Xunta, coa tramitación actual non sería posible ata polo menos 2038 que esta infraestrutura tan estratéxica para a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal sexa unha realidade. A semana pasada o alcalde de Porto ratificoulle ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, o compromiso de progresar na infraestrutura en territorio portugués, o que demostra que “en Portugal a vontade política é máis clara”.