A Xunta leva a iniciativa 'Prato de Mercado’ á Coruña para consolidar a sinerxía entre as prazas de abastos e a gastronomía galega

A Coruña, 24 de febreiro de 2026

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, xunto coa delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, asistiron hoxe —no mercado municipal Eusebio da Guarda da Coruña— á mesa redonda e degustación Diálogos de cociña e mercado, a cargo de Xoán Crujeiras, propietario e chef do restaurante BIDO, e enmarcada na iniciativa autonómica Prato de Mercado. Dentro do Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030, a Xunta de Galicia continúa así apostando polo impulso dos mercados e prazas de abastos como motores da economía local e referentes de produto fresco, de calidade e proximidade.

O director xeral puxo de relevo o papel esencial que teñen os produtos locais de mercado para os cociñeiros e cociñeiras de Galicia e a necesidade de aproveitar a sinerxía deste sector na promoción das prazas de abastos. Nesa liña, esta xornada permite reforzar a conexión entre produto, gastronomía e mercado, clave para asegurar o futuro e vitalidade económica, social e cultural das 95 prazas de abastos e mercados da Comunidade. Un futuro no que, destacou, é fundamental seguir afondando na colaboración entre as diferentes administracións de cara á consolidación destes espazos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/02/2026