A Xunta pon en valor en Madrid o talento galego e a súa capacidade de proxección exterior

A directora do Igape, Covadonga Toca, participou hoxe no XIX Premio Victoriano Reinoso, onde destacou que “o talento que nace na nosa terra pode competir ao máximo nivel en calquera lugar do mundo”

Subliña o papel de AEGAMA como “embaixadores de esa Galicia Calidade en Madrid”, creando redes, abrindo oportunidades e fortalecendo os lazos entre Galicia e os profesionais que desenvolven a súa actividade fóra da Comunidade

O galardoado, Manuel Leyes, foi recoñecido pola súa traxectoria internacional no ámbito da cirurxía ortopédica e a medicina deportiva

Madrid, 24 de febreiro de 2026

A Xunta de Galicia puxo hoxe en valor o talento galego e a súa capacidade de proxección exterior no marco do XIX Premio Victoriano Reinoso, organizado por AEGAMA na capital do Estado. A directora do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Covadonga Toca, participou no acto, onde destacou a importancia de recoñecer as traxectorias profesionais que representan a excelencia galega máis aló das nosas fronteiras.

Durante a súa intervención, Toca Carús sinalou que este premio se converteu “nunha oportunidade para reunirnos, para poñer en valor o que representamos, e para recoñecer o talento galego estea onde estea”, subliñando o valor destes encontros para reforzar os vínculos entre Galicia e os profesionais que desenvolven a súa actividade fóra da Comunidade.

Neste marco, a directora do Igape felicitou a AEGAMA polo seu labor de cohesión do empresariado galego en Madrid, asegurando que “o que facedes non é só crear rede profesional; creades comunidade. E iso, cando un está fóra da súa terra, ten un valor enorme”. Neste sentido, destacou a importancia de manter vivos os lazos con Galicia, xerar oportunidades e proxectar a identidade galega en contornos profesionais de alta esixencia.

No acto foi recoñecida a traxectoria de Manuel Leyes, referente internacional en cirurxía ortopédica e traumatoloxía, especialmente no ámbito da cirurxía de xeonllo e da medicina deportiva. Toca Carús salientou que o premiado representa “traballo ben feito, rigor e paixón pola súa profesión”, poñendo en valor a combinación de coñecemento, innovación e dedicación constante que caracterizan a súa carreira.

A responsable do Igape subliñou que o seu éxito “recórdanos algo que en Galicia sabemos ben: que o talento que nace na nosa terra pode competir ao máximo nivel en calquera lugar do mundo”, incidindo na capacidade da Comunidade para formar profesionais que destacan nos contornos máis esixentes.

Durante a súa intervención, vinculou tamén esta proxección exterior coa marca Galicia Calidade, que definiu como “unha marca que identifica produtos, servizos e tamén valores: representa compromiso, rigor, confianza e ambición; representa, en definitiva, a calidade coa que Galicia quere presentarse ao mundo”.

Data de actualización: 24/02/2026