O director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero participou na mesa de coordinación local da mancomunidade do Salnés
A Xunta anima os concellos a solicitar as axudas para a contratación de vítimas de violencia de xénero
Roberto Barba fixo fincapé na importancia da colaboración entre administracións para combater de xeito integral a violencia contra as mulleres
Cambados (Pontevedra), 24 de febreiro do 2026
A Xunta mantén aberto o prazo ata o próximo venres, 27 de febreiro, para que as entidades locais soliciten impulsen a contratación de mulleres vítimas da violencia machista. Deste xeito, ao finalizar a mesa de coordinación local da mancomunidade do Salnés, o director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, animou aos concellos galegos a solicitar estas axudas.
Roberto Barba fixo fincapé na importancia da colaboración entre administracións para combater de xeito integral a violencia de xénero e contribuír á emancipación e recuperación das vítimas. Por iso, explicou a importancia de que os concellos soliciten as axudas para a contratación das mulleres que sufriran este tipo de violencia e nas que a Xunta inviste 2,5 millóns de euros nesta convocatoria, e que son fundamentais para a súa inserción sociolaboral.
Neste sentido, o director xeral resaltou que Galicia é unha comunidade pioneira na posta en marcha de medidas e recursos para combater a violencia de xénero, con iniciativas específicas para a prevención, sensibilización e detección; así como para garantir a recuperación das vítimas.
Mesa de coordinación Local mancomunidade do Salnés
A mesa de coordinación local contra a violencia de xénero da mancomunidade do Salnés, celebrada hoxe en Cambados, acordou un protocolo específico para a atención en primeira instancia daquelas vítimas que precisen acudir a un recurso residencial, de xeito que se lle ofrecerá un servizo de emerxencia na contorna antes de incorporarse á rede galega de casas de acollida.
Así mesmo, o director xeral avanzou que a mesa local avalía a creación dun programa de conciliación para a atención dos fillos e fillas menores de 0 a 3 anos das vítimas de violencia de xénero durante os procedementos xudiciais e de investigación dos delitos de violencia machista.