Villaverde aborda coas confrarías da ría de Muros-Noia a situación do marisqueo tras os temporais persistentes das últimas semanas

O encontro enmárcase na ampla ronda de contactos coas entidades sectoriais e procura facer unha avaliación o máis precisa posible para tomar as mellores decisións

Santiago de Compostela, 24 de febreiro do 2026

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, mantivo hoxe unha reunión cos patróns maiores das confrarías de pescadores de Noia, Portosín, Porto do Son e Muros para analizar a situación do sector na ría de Muros-Noia tras os episodios de temporais persistentes das últimas semanas e abordar distintas cuestións que preocupan aos profesionais do mar.

No encontro, no que participaron tamén o director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Isaac Rosón, e a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, a responsable autonómica trasladou ao sector a vontade da Xunta de manter un diálogo permanente e un seguimento rigoroso da evolución dos bancos marisqueiros, coa avaliación científica como base para poder tomar as mellores decisións.

Durante a xuntanza analizouse a situación derivada da elevada mortaldade rexistrada nalgúns bancos marisqueiros das súas autorizacións como consecuencia das choivas intensas e persistentes, que propiciaron unha baixada prolongada da salinidade, así como as actuacións activadas pola Consellería do Mar para avaliar os danos, protexer o recurso supervivente e estudar medidas de recuperación e apoio ao sector afectado.

A conselleira do Mar subliñou que a Xunta seguirá traballando desde a corresponsabilidade e a cogobernanza co sector para afrontar unha situación complexa, marcada por fenómenos meteorolóxicos extremos, co obxectivo de preservar un sector estratéxico para Galicia e garantir a súa viabilidade a medio e longo prazo.

Reunión do grupo de traballo do marisqueo

Na liña de buscar as mellores solucións para a situación actual, a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro presidiu hoxe a reunión do grupo de traballo de marisqueo que inicia a cuarta fase do plan de actuación ante eventos de baixa salinidade. No encontro pechouse o calendario de mostraxes das zonas produtivas, a maioría previstas para a próxima semana aproveitando as mareas favorables a estes traballos.

De acordo co protocolo de avaliación de mortalidades, elaborado polo Centro de Investigacións Mariñas de Galicia (CIMA), as mostraxes serán máis intensas naquelas zonas nas que as inspeccións cualitativas detectaron unha incidencia de mortaldade moderada ou severa de bivalvos. Tamén foron analizadas posibles medidas de recuperación produtiva dos bancos tendo en conta o arrastre dos efectos do episodio meteorolóxico extraordinario do 2023 e que, debido ao ciclo biolóxico dos bivalvos que tardan ao redor de 2-3 anos en acadar a súa talla comercial,  non foi posible completar a súa recuperación.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 24/02/2026