A Xunta adxudica por máis de 820.000 € o equipamento de radioloxía dixital portátil para o bloque cirúrxico do Hospital Novo Montecelo

Estes equipos permitirán tratar tumores e outras lesións difíciles de operar, ademais de realizar diagnósticos por imaxe

As empresas Ziehm Imaging Spain, Siemens Healthcare S.L. e General Electric Healthcare subministrarán os catro lotes de equipamento que incluía o expediente

Santiago de Compostela, 25 de febreiro de 2026

A Xunta, a través do Servizo Galego de Saúde, publica hoxe no Portal de Contratos de Galicia a adxudicación, por un importe de 823.042 euros, dos catro lotes de equipamento de radioloxía dixital portátil con destino ao bloque cirúrxico do Hospital Novo Montecelo.

A empresa Ziehm Imaging Spain resultou adxudicataria de dous dos lotes de equipamento radiocirúrxico ofertados, por un valor de 296.208 € e de 148.588 €. Siemens Healthcare S.L. subministrará un equipo radiocirúrxico de electrofisioloxía, valorado en 162.866 €; e General Electric Healthcare achegará sistemas de radioloxía portátil por un valor de 215.380 euros.

Estes equipos radiocirúrxicos permiten tratar, con alta precisión e sen cirurxía invasiva, tumores e lesións difíciles de operar. Polo tanto, reducen riscos, complicacións e tempo de recuperación para mellorar a calidade de vida dos pacientes.

Por outro lado, os sistemas de radioloxía portátil, son equipamentos esenciais para realizar diagnósticos por imaxe en pacientes que non poden ser trasladados, como é o caso de pacientes críticos ou inmobilizados. Isto facilita unha atención rápida, continua e eficiente en calquera lugar do hospital ou en situacións de emerxencia.

O Goberno galego está a realizar un investimento de máis de 170 millóns de euros na construción do Hospital Novo Montecelo ao que se suma a dotación na fase inicial dos equipamentos, aos que se destinan 30 millóns de euros.

Data de actualización: 25/02/2026