A Comisión Especial de Transporte Público en Vehículos de Turismo aborda a creación dunha Área de Prestación Conxunta do servizo de taxi no Val Miñor
A directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, presidiu a xuntanza deste organismo, na que participou tamén a directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto
Trataríase da primeira área destas características en Galicia e ten como obxectivo mellorar a eficiencia e a cobertura na comarca cun sistema de licenzas compartidas
Santiago de Compostela, 25 de febreiro de 2026
A directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, presidiu hoxe a xuntanza da Comisión Especial de Transporte Público en Vehículos de Turismo (CEVT) do Consello Galego de Transportes, onde se abordou a solicitude dos concellos de Baiona, Gondomar e Nigrán para a creación dunha Área de Prestación Conxunta (APC) do servizo de taxi no Val MIñor, que sería a primeira de Galicia. Na reunión, na que participou tamén a directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, cualificouse a iniciativa de moi positiva e avaliouse como favorable de xeito unánime.
O obxectivo é mellorar a eficiencia e a cobertura do servizo de taxi na comarca, implantando un sistema de licenzas compartidas que lles permitirá ás persoas titulares operar en todo este ámbito territorial cun réxime tarifario único, paradas comúns, quendas coordinadas para garantir a cobertura continua do servizo e o mantemento dun rexistro único de licenzas, permanentemente actualizado. Os concellos de Baiona, Gondomar e Nigrán teñen 13, 19 e 22 licenzas de taxi, respectivamente, polo que a APC do Val Miñor pasaría a dispoñer de 54 licenzas de taxi para una poboación global superior aos 45.000 habitantes.
Cómpre sinalar que nas zonas nas que exista unha influencia recíproca entre os servizos de taxi de varios municipios con continuidade xeográfica e sempre que a adecuada ordenación de tales servizos transcenda o interese de cada un deles, poderanse crear áreas territoriais de prestación conxunta.
A solicitude para a creación da primeira APC de Galicia, situada no Val Miñor, baséase precisamente na continuidade territorial, funcional e socioeconómica dos tres concellos que a conformarán. O órgano xestor sería a Mancomunidade de Concellos do Val Miñor, que deberá elaborar e aprobar unha Ordenanza reguladora da APC, común para os servizos de taxi dos tres concellos.
A iniciativa chega ao Consello Galego de Transportes coa conformidade das organizacións sindicais e empresariais, así como das asociacións profesionais e de persoas consumidoras e usuarias con maior representatividade no ámbito. Tras o informe favorable da Comisión Especial de Vehículos de Turismo, do Consello Galego de Transportes, a Mancomunidade de Concellos do Val Miñor deberá remitirlle á Dirección Xeral de Mobilidade a Ordenanza reguladora da APC, unha vez aprobada polos tres concellos, para que proceda á creación da Área de Prestación Conxunta.
A CEVT é un órgano especializado en transporte público en vehículos de turismo (Taxi e VTC) integrada na organización do Consello Galego de Transportes, e nela participa a Xunta a través de distintos departamentos, a Federación Galega de Municipios e Provincias, o Consello Galego de Consumidores e Usuarios, o Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade, (Cermi), o Comité Galego de Transporte por Estrada e organizacións sindicais.