O delegado territorial da Xunta visitou esta mañá as instalacións da brigada ambiental da agrupación Larouco-O Bolo, beneficiario destas achegas no ano 2025
Manuel Pardo lembra que a Xunta ten aberto o prazo da orde de axudas do Fondo de Compensación Ambiental destinado aos concellos, dotada con 11,4 M€
O delegado territorial explicou que esta brigada recibiu unha achega de preto de 35.000 euros da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, para a adquisición de maquinaria e equipamento para labores de limpeza, recollida e eliminación de residuos, maleza e puntos residuais contaminantes
Manuel Pardo puxo en valor que na nova convocatoria, o Goberno galego incrementou o orzamento desta iniciativa a máis de 11,4 millóns de euros, coa finalidade de aplicar actuacións globais destinadas á conservación, reposición e restauración do ambiente e reequilibrio territorial
O representante do Goberno galego subliñou, que como novidade desta edición, se priorizarán os proxectos de mellora ou reparación das redes municipais de saneamento e abastecemento de auga potable que foran afectadas polos incendios forestais do verán de 2025
Tamén concretou que esta orde, aberta ata o próximo 6 de marzo, distingue dúas liñas de axudas, unha en concorrencia non competitiva, dotada con 6 millóns de euros, e outra en concorrencia competitiva, á que se asignan 1,9 millóns de euros. A estas contías súmanse 3,5 millóns de euros destinados a actuacións específicas de protección do medio, entre as que figuran a prevención, extinción e xestión de situacións de sinistro ou de risco
Ourense, 25 de febreiro de 2026
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, desprazouse esta mañá as instalacións da brigada ambiental da Agrupación Larouco-O Bolo, que recibiu unha achega da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, de preto de 35.000 euros, ao abeiro da liña competitiva do Fondo de Compensación Ambiental (FCA) do ano 2025, para a adquisición de maquinaria e equipamento para labores de limpeza, recollida e eliminación de residuos, maleza e puntos residuais contaminantes.
Durante a visita, o delegado territorial informou aos alcaldes de Larouco, Patricia Lamelas, e do Bolo, Alberto Vázquez, que a Xunta ten aberto o prazo de solicitudes desta orde de achegas dirixidas aos concellos ata o próximo 6 de marzo que, cun orzamento de máis de 11,4 millóns de euros (fronte aos 11,2 de anteriores convocatorias), ten como finalidade aplicar actuacións globais destinadas á conservación, reposición e restauración do ambiente e reequilibrio territorial. Nesta liña, subliñou que a novidade desta edición, é priorizar os proxectos de mellora ou reparación das redes municipais de saneamento e abastecemento de auga potable que foran afectadas polos incendios forestais do verán de 2025.
Neste marco, o representante do Goberno galego concretou que esta orde distingue dúas liñas de axudas, unha en concorrencia non competitiva, dotada con 6 millóns de euros, e outra en concorrencia competitiva, á que se asignan 1,9 millóns de euros. A estas contías súmanse 3,5 millóns de euros destinados a actuacións específicas de protección do medio, entre as que figuran a prevención, extinción e xestión de situacións de sinistro ou de risco.
Por outra banda, a liña non competitiva vai dirixida aos concellos nos que haxa parques eólicos e liñas de evacuación e a liña competitiva, a todos os concellos, mancomunidades ou consorcios locais de Galicia, sempre que estean participados por un ou varios concellos. Cada municipio pode presentar ata dúas solicitudes, sempre que unha sexa individual e outra conxunta. Cada unha delas debe corresponderse cun único proxecto, que, no caso das solicitudes individuais de concellos, pode abranguer varias accións.
Actuacións do Fondo de Compensación Ambiental
O delegado territorial tamén explicou que as accións subvencionables inclúen os investimentos e custos de funcionamento dos servizos municipais dedicados á protección do medio. Entre os obxectivos que deben perseguir figuran a conservación da biodiversidade, o fomento do coñecemento e da utilización recreativa e didáctica dos recursos naturais, e a recuperación do medio natural degradado ou contaminado. Tamén deben impulsar a eficiencia e o uso sustentable das enerxías renovables, e, en xeral a protección do medio natural.
Neste marco, detallou Manuel Pardo, que poden acollerse ás axudas as campañas divulgativas, plans e proxectos ambientais, as accións de eficiencia enerxética e de redución da contaminación lumínica, as melloras enerxéticas nas instalacións municipais, e a adquisición de vehículos con distintivo ambiental ou destinados a actuacións a prol da contorna natural. As infraestruturas destinadas á utilización recreativa e didáctica dos recursos naturais, as actuacións a prol da integración paisaxística nos núcleos rurais e os proxectos para evitar a degradación e facilitar o control ambiental no ámbito municipal son outras das iniciativas subvencionables ao abeiro desta convocatoria.
A maiores, as axudas cobren tamén os gastos do persoal vinculado á execución das accións subvencionables.