A Xunta ultima coa comisión redactora a Lei de educación dixital logo dun amplo proceso participativo

Román Rodríguez reúnese co equipo encargado de elaborar o documento que encara a recta final antes da remisión ao Parlamento a finais deste semestre

Santiago de Compostela, 25 de febreiro de 2026

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, reuniuse hoxe coa comisión redactora da futura Lei de educación dixital co fin de perfilar o contido final logo dun amplo proceso de participación para enriquecer o que será un texto lexislativo pioneiro, xa que non existe ningunha lei específica deste tipo no eido estatal.   

O titular de Educación do Goberno galego salientou a complexidade técnica desta lei polo seu contido innovador que atinxe directamente a unha área tan sensible como é o uso da tecnoloxía no sistema educativo, o que require dun traballo previo “rigoroso, solvente e dialogado”. Neste senso, para a súa elaboración contouse coa participación de expertos de recoñecido prestixio nesta materia, así como medio cento de docentes e colectivos profesionais que representan a profesorado especializado de diversos ámbitos. Ademais, nos últimos meses mantivéronse contactos cos representantes das ANPAS, das organizacións sindicais, universidades, centros educativos a través da Xunta Autonómica de Directores e o Consello Escolar de Galicia.

Así pois,  a Lei de educación dixital de Galicia encara a súa recta final antes do inicio da tramitación lexislativa, prevista para finais deste semestre. O texto regulará os dereitos e deberes dos membros da comunidade educativa -administracións públicas, centros, docentes, alumnos e familias- ante os novos retos de transformación social que inciden no ensino.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/02/2026