A conselleira de Política Social e Igualdade respondeu unha interpelación no Pleno
Fabiola García avanza que a estratexia de emprego feminino en sectores masculinizados aprobarase nos vindeiros meses
A conselleira explicou que un dos obxectivos deste documento é establecer medidas fronte á desigualdade salarial a través de catro eixos de acción
Explicou que a Xunta colaborou con máis de 60 mulleres profesionais de sectores masculinizados e co diálogo social para a elaboración deste marco
Lembrou que Galicia logrou importantes avances nos últimos anos, entre os que destacan a redución do paro feminino e a fenda salarial
Ademais, celebrou a paralización da suspensión do plan de choque da dependencia galego por parte do Tribunal Constitucional que “deixa en evidencia o afán recadatorio” do Executivo central
Santiago de Compostela, 25 de febreiro do 2026
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, avanzou esta mañá no Parlamento galego que a primeira estratexia de emprego feminino en sectores masculinizados de Galicia que impulsa a Xunta estase ultimando e aprobarase nos vindeiros meses. Así o anunciou durante a resposta a unha interpelación no Pleno, na que explicou que se crearán medidas específicas para o impulso da igualdade salarial.
A conselleira explicou que a Xunta contou coa colaboración de máis de 60 mulleres profesionais de diferentes sectores masculinizados, entre os que se atopa o agropecuario, a seguridade e defensa, obras públicas ou profesións científicas e tecnolóxicas. Deste xeito, explicou que se trata dunha Estratexia que conta coa colaboración do diálogo social, aberta á participación e á escoita activa.
En concreto, tal e como detallou a conselleira, a estratexia impulsada polo Goberno galego ten como un dos obxectivos fundamentais garantir a igualdade salarial a través de catro eixos: a transparencia competitiva, a neutralidade ante o ciclo vital, a racionalización do traballo e a competencia meritocrática en sectores técnicos.
Neste sentido, Fabiola García recoñeceu que “as desigualdades socioeconómicas seguen persistindo en todo o mundo” e gran parte dos esforzos da Xunta nesta materia buscan, recalcou, mellorar a situación das mulleres no eido laboral e social a través de políticas públicas transversais.
Así pois, lembrou que nos últimos anos constatáronse numerosos avances que amosan en Galicia unha tendencia positiva cara á igualdade: co maior número de mulleres empregadas da historia ou a redución do paro feminino, ao tempo que as mulleres directivas medraron no último ano na comunidade.
Con todo, Fabiola García avogou por seguir traballando co tecido social, co resto de administración e institucións para seguir avanzando en igualdade e rachar coas desigualdades estruturais que aínda están patentes en todas as sociedades.
Levantamento da suspensión da paralización do Plan de choque
Por outra parte, a conselleira de Política Social e Igualdade aproveitou para celebrar a decisión do Tribunal Constitucional de levantar a paralización do Plan de axilización e simplificación da dependencia e da discapacidade impulsado pola Xunta. Unha medida que, lembrou, permitiu recoñecer de xeito automático a discapacidade a máis de 12.600 galegos.
Neste sentido, lamentou que mentres a Xunta impulsa medidas para avanzar na atención á dependencia e á discapacidade, “o Goberno central recorra ante o tribunal unicamente por un afán recadatorio”; xa que deixou de recadar 114 millóns de euros en Galicia no ano 2025 polas homologacións. Así, a conselleira reiterou que “isto só demostra que ao Executivo central non lle importan os dependentes”, só o seu beneficio económico.
Pregunta oral sobre desinformación de xénero e discursos de odio
A conselleira tamén respondeu unha pregunta oral na que trasladou a preocupación da Xunta ante os discursos que fomentan o odio e a desinformación de xénero, un fenómeno que definiu como complexo e que precisa, dixo, unha resposta coordinada e transversal entre administracións públicas e o conxunto da sociedade.
Deste xeito, explicou que para paliar este fenómeno a Xunta impulsa diferentes actuacións no ámbito da educación e a sensibilización social. Así, indicou que desde os centros Quérote + se realizan importantes accións formativas que ascenderon no ano 2025 ás 500 actividades en 187 centros educativos.
Así mesmo, explicou que no ámbito das redes sociais a Xunta está elaborando a Lei de Acoso e Violencia Dixital, normativa pioneira en España, que recollerá e sentará o marco normativo específico para este tipo de delitos na Internet.