A Xunta aposta por fórmulas de cooperación intermunicipal como as fusións voluntarias de concellos para garantir a prestación de servizos
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes defendeu hoxe no pleno que a xestión compartida de servizos ten prioridade nas distintas liñas de axudas promovidas pola Xunta e salientou que os concellos resultantes dos procesos de fusión voluntaria, comoOza-Cesuras e Cerdedo-Cotobade, beneficiáronse, en conxunto, de 17 M€ de investimento procedentes do fondo de fusións habilitado pola Administración autonómica
Diego Calvo destacou que o anteproxecto da reforma da Lei de Administración Local de Galicia afonda na colaboración entre municipios e incorpora fórmulas innovadoras como as áreas funcionais de carácter temporal ou as agrupacións para compartir persoal municipal
Santiago de Compostela, 25 de febreiro de 2026
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, defendeu hoxe en resposta a unha pregunta no Pleno do Parlamento galego o traballo que leva feito a Xunta no fomento da cooperación intermunicipal coas que facilitar unha xestión máis eficaz e eficiente dos recursos, evitar duplicidades e garantir a igualdade da cidadanía no acceso á prestación dos servizos públicos.
Nesta liña, incidiu no apoio do Goberno galego á xestión compartida de servizos dando prioridade aos proxectos conxuntos nas distintas liñas de axudas e no caso dos procesos de fusión voluntaria de concellos en Oza-Cesuras e Cerdedo-Cotobade a través do fondo de fusións. Tamén incidiu en que este proceder non é froito da improvisación, senón resultado da continuidade dunha liña política.
Dende 2013, a lexislación básica en materia de réxime local, por iniciativa do Goberno galego, recolle medidas concretas encamiñadas a fomentar e incentivar a fusión entre concellos de municipios que garanten a elevación do seu financiamento mínimo. Tamén desde ese ano se acordou que todas as convocatorias de axudas aos concellos ofrezan vantaxe aos proxectos presentados de xeito conxunto. Ademais, desde 2016 a normativa eleva a rango legal medidas complementarias para primar proxectos de xestión compartida e incentivar os procesos de fusión municipal.
O conselleiro salientou que o anteproxecto da Lei de administración local, que está en tramitación, afonda nesta aposta pola colaboración e cooperación entre concellos e incorpora fórmulas innovadoras de cooperacións. Fórmulas como as áreas funcionais de carácter temporal para facilitar a prestación de servizos conxuntos ou a realización de actuacións de interese común ou as agrupacións para compartir persoal municipal, e segue apostando polas fusións voluntarias. A nova lei prevé tamén incrementar os fondos incondicionados, aumentar a garantía de mínimos a todos os concellos, que aumenta en 20 millóns de euros respecto ao modelo actual, e introducir criterios de reparto que o Goberno galego tamén lle demanda ao Estado, como a dispersión xeográfica ou o envellecemento.
Diego Calvo destacou que Galicia impulsou as dúas únicas fusións voluntarias de municipios que se produciron en España en máis de tres décadas, a de Oza-Cesuras en 2013 e a de Cerdedo-Cotobade en 2016, e enxalzou as vantaxes que iso supuxo para o novos concellos. Entre elas, unha mellor capacidade financeira ao incrementar a súa participación nos ingresos do Estado, para captar axudas e para poder acceder ao fondo específico de fusións habilitado pola Xunta. Así, desde 2016, este fondo supuxo máis de 17 millóns de euros de investimento para ambos concellos.