A positividade do virus respiratorio sincitial en Galicia descende ata o 8,2 %

Na última semana rexistráronse 28 ingresos de persoas maiores de 60 anos, das cales 21 teñen máis de 80

A cobertura vacinal en bebés nados durante a campaña desde setembro é do 92,3 %

Ata finais deste mes de febreiro continúa aberta a posibilidade de que calquera maior de idade poida participar no ensaio clínico Sincigal, que ten como obxectivo avaliar a redución de ingresos hospitalarios en adultos coa vacinación fronte ao VRS

Santiago de Compostela, 25 de febreiro de 2026

A taxa de positividade do virus respiratorio sincitial diminúe e sitúase no 8,2 % na semana 8 do ano, que rematou o día 22 deste mes, tal e como recolle o informe semanal de seguimento deste virus que publica a Consellería de Sanidade.

Na semana recollida no informe, observouse un descenso da taxa de consultas en todos os grupos de menores de dous anos, agás nos de menos de dous meses, onde aumentou un 13,7 %.

En canto ás hospitalizacións, non se rexistrou ningún ingreso no grupo de nados entre abril e setembro de 2025 e rexistrouse unha hospitalización nos lactantes menores de dous meses.

Nestes grupos, a cobertura da inmunización fronte ao VRS é do 92,3 % no caso dos bebés que son vacinados nos hospitais galegos ao nacer dentro das datas da campaña e do 95,3 % para os nados fóra de campaña, de abril a setembro de 2025.

Sobre ingresos hospitalarios de nenos que xa pasaron algunha tempada de VRS, na última semana produciuse un ingreso entre os nados do 1 de abril de 2024 ao 31 de marzo de 2025; e outro ingreso no grupo de nados entre o 1 de abril de 2023 ao 31 de marzo de 2024.

En adultos, nos datos recollidos no último informe rexistráronse 28 ingresos con VRS en persoas maiores de 60 anos, das cales 21 son maiores de 80.

Oportunidade dos adultos de participar no ensaio clínico Sincigal

Ata finais deste mes de febreiro, calquera maior de idade que desexe participar no ensaio clínico Sincigal, que ten como obxectivo avaliar a redución de ingresos hospitalarios na poboación adulta mediante a vacinación fronte ao virus respiratorio sincitial (VRS), pode facelo acudindo sen cita previa nos puntos habilitados nos hospitais, en distintos horarios, dispoñibles na web do estudo.

Do mesmo xeito, tamén están activos os máis de 130 centros de saúde participantes, que figuran na seguinte ligazón.

Como ata agora, a participación implica a posibilidade de recibir ou non a vacina, de forma aleatoria, e posteriormente poder comprobar a súa efectividade na diminución de hospitalizacións en persoas vacinadas e sen vacinar.

As persoas interesadas en participar neste estudo teñen á súa disposición o teléfono gratuíto 900 842 217 e a web do proxecto sincigal.com para resolver dúbidas.

Data de actualización: 25/02/2026