A Xunta estuda novas iniciativas cos concellos de Chantada e Carballedo para favorecer o desenvolvemento rural

A conselleira María José Gómez mantivo no día de hoxe xuntanzas de traballo cos rexedores de ambos municipios, cos que abordou asuntos vinculados aos camiños rurais, á prevención de incendios forestais e á mobilidade de terras

Santiago de Compostela, 25 de febreiro de 2026

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, mantivo no día de hoxe no seu despacho de San Caetano unha xuntanza co alcalde do concello lucense de Chantada, Manuel Lorenzo Varela, con que estudou a posibilidade de implementar novas iniciativas para afondar na mellora dos camiños rurais e a prevención de incendios forestais no municipio.

Cabe sinalar que este municipio foi beneficiario da convocatoria do Plan Camiña Rural 2025-2026, cunha axuda concedida de algo máis de 96.000 euros para ampliar, acondicionar e conservar a rede de camiños de titularidade municipal, co fin de mellorar a calidade de vida da poboación.

Por outra banda, María José Gómez lembrou as diferentes iniciativas postas a disposición dos concellos para favorecer a prevención de incendios forestais, como pode ser o sistema público de xestión da biomasa nas faixas secundarias ou os convenios para realizar traballos de prevención e contar con brigadas e motobombas.

Reunión co concello de Carballedo

Posteriormente, a conselleira mantivo unha reunión co rexedor da localidade de Carballedo, Julio Yebra-Pimentel, con quen se abordou a situación do municipio e se avaliaron vías de traballo conxuntas para impulsar o seu desenvolvemento rural. No eido da mellora das infraestruturas rurais, Carballedo foi beneficiario da convocatoria 2025-2026 do Plan Camiña Rural, cunha achega de algo máis de 53.000 euros para actuar nos viais do concello.

Asemade, estudaron o estado dos instrumentos para a recuperación de terra agraria que se atopan actualmente en proceso. De xeito concreto, trátase dun polígono agroforestal de 25,48 hectáreas, parte delas no municipio veciño da Peroxa, distribuídas en 195 parcelas de 93 propietarios. Así, púxose de relevo a utilidade deste tipo de ferramentas para recuperar e poñer en produción terras de boa capacidade produtiva.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/02/2026