O presidente da Xunta participou na clausura do ‘III Congreso Maritime Trends Summit’

Rueda destaca a aposta da Xunta por consolidar Galicia no sector da seguridade e a defensa cunha estratexia que prevé mobilizar 900 M€ ata 2030

Asegura que este eido supón unha nova oportunidade para a industria naval e marítima da comunidade

A Xunta acaba de lanzar a primeira liña de axudas para apoiar ás empresas que queren posicionarse como subministradoras de material de defensa

Salienta o potencial de Galicia nas enerxías verdes vencelladas ao mar coma a eólica mariña ou a mareomotriz

Resalta o compromiso da Xunta cun sector estratéxico como o naval ao aprobar o seu Plan director, dotado de case 63 M€

Vigo, 25 de febreiro de 2026

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe a gran oportunidade que o sector da seguridade e da defensa supón para a industria naval e marítima de Galicia.

Durante o acto de clausura do Congreso Maritime Trends Summit, organizado pola Asociación de Industrias do metal e tecnoloxías asociadas (Asime), o presidente salientou o liderado do naval galego, sendo Galicia unha das comunidades con maior carteira de pedidos ao finalizar 2025, concentrando o 41% de volume de traballo a nivel estatal e un terzo dos novos contratos.

O presidente puxo en valor o novo Plan director do Naval aprobado pola Xunta -dotado de case 63 millóns de euros- co que se busca apoiar a un eido estratéxico para a economía galega no proceso de modernización, dixitalización e mellora da competitividade. Rueda resaltou a aposta da Xunta por un sector que representa a Galicia Calidade que é “a nosa marca por todo o mundo”, un lugar no que “as cousas sempre se fixeron sempre moi ben e vanse seguir facendo”.

Ademais, Rueda fixo fincapé nas novas oportunidades de mercado no eido da defensa ou das enerxías verdes. Nesta liña, resaltou o compromiso da Xunta con posicionar a Galicia no eido da seguridade e da defensa, unha industria con “enormes oportunidades” e “man de obra moi cualificada” que se prevé sexa estratéxica nos vindeiros anos ante o actual contexto xeopolítico internacional e os compromisos adquiridos pola Unión Europea.

A Xunta aprobou o pasado ano a Iniciativa Estratexia en Seguridade, Defensa e Aeroespazo con horizonte 2030 e que contará cun investimento público de 183 millóns de euros cos que se prevén mobilizar 900 millóns de euros. O obxectivo é impulsar o crecemento das empresas do ecosistema galego, promover novos instrumentos industriais, reforzar as capacidades produtivas da industria autonómica, facilitar o acceso a capital e infraestruturas das empresas interesadas no sector e promover a colaboración público-privada neste eido.

De feito, a Xunta vén de convocar a primeira liña de axudas ao abeiro desta Iniciativa que busca apoiar ás empresas galegas que teñan interese en posicionarse como subministradoras en materia de seguridade e defensa. Unha primeira convocatoria á que se destinarán 1,5 millóns de euros.

Enerxías verdes

Por outra parte, Rueda salientou que as enerxías verdes -como a eólica mariña ou a mareomotriz- tamén supoñen unha nova oportunidade para a industria marítima galega “con todas as garantías”, e resaltou o potencial que ten Galicia á hora de producir enerxía limpa, “unha potencia que xa temos e que non podemos perder”. Ademais, manifestou que poder “seguir co Plan de repotenciación” é unha “magnífica nova para o medio ambiente”.

Neste sentido, o Executivo galego demanda ao Goberno central que a comunidade participe na primeira puxa pública de eólica mariña de España e permita á Xunta habilitar unha nova plataforma experimental en Punta Langosteira para testar e probar tecnoloxía punteira neste eido sen afectar ao medio mariño.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/02/2026