O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración participou hoxe en Vigo na clausura institucional do ‘X Congreso Empresarial Acción e Implicación’, de Empresarias Galicia
A Xunta pon de relevo a traxectoria de Empresarias Galicia a prol da igualdade de oportunidades no mercado laboral co gallo do seu 10º aniversario
No marco desa posta en valor, José González agradece a implicación e traballo da actual secretaria xeral de Emprego e Relacións Laborais, Susana Pérez Iglesias, fundadora da entidade en 2016 e presidenta ata comezos deste ano
O conselleiro defende a importancia da colaboración público-privada para sacar adiante follas de ruta como a futura Estratexia de emprendemento ligado ao territorio de Galicia ou a de emprego feminino en sectores masculinizados
O congreso de Empresarias Galicia acolle esta tarde senllos talleres da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego e da iniciativa autonómica Medrando Xuntas a prol do liderado feminino na economía social
Vigo, 14 de outubro de 2026
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, participou hoxe na clausura institucional do X Congreso Empresarial Acción e Implicación, onde puxo de relevo o labor da asociación organizadora —Empresarias Galicia— a prol da igualdade de oportunidades no mercado laboral durante os seus 10 anos de traxectoria. Un labor desenvolvido ata comezos deste ano pola actual secretaria xeral de Emprego e Relacións Laborais, Susana Pérez Iglesias, á que agradeceu a súa implicación e traballo desde que fundou a entidade en 2016.
No acto ao que tamén asistiu a directora xeral de Promoción da Igualdade, Eloína Ingerto, o conselleiro defendeu a importancia da colaboración público-privada da man de entidades como Empresarias Galicia para sacar adiante follas de ruta como a futura Estratexia de emprendemento ligado ao territorio de Galicia ou a de emprego feminino en sectores masculinizados. Avogando pola igualdade efectiva entre mulleres e homes referiuse a outras iniciativas como o programa Que non te líen, ti elixes, celebrando o éxito da última convocatoria que suporá que un cento de centros de secundaria acollan este curso charlas a prol da elección de profesión sen atender a prexuízos de xénero.
No eido da formación, González citou o Campus de igualdade laboral dirixido a sensibilizar e capacitar a sociedade en temáticas clave como a conciliación e corresponsabilidade, o rexistro retributivo, o acoso laboral ou o teletraballo. Tamén a Plataforma virtual transfronteiriza Iqual Campus, operativa co mesmo fin en Galicia e no norte de Portugal. A maiores, puxo en valor o proxecto autonómico Medrando Xuntas, que busca impulsar o liderado feminino na economía social galega con formación tanto para mulleres socias e traballadoras como para directivas.
Precisamente, Medrando Xuntas estará hoxe presente no congreso de Empresarias Galicia cun taller pola tarde concibido para axudar a atopar os puntos fortes e as capacidades que diferencian a cada persoa. Así mesmo, tamén terá o seu oco a Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego, cun obradoiro sobre as posibilidades que ofrecen as redes sociais e a intelixencia artificial para dar pulo aos negocios.