A Xunta renova o seu apoio á Federación Galega de Redeiras Artesás ‘O Peirao’ para fortalecer un oficio clave do sector do mar

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, asinou o convenio de colaboración con esta entidade

Santiago de Compostela, 25 de febreiro do 2026

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, asinou hoxe un novo convenio de colaboración coa Federación Galega de Redeiras Artesás O Peirao para o ano 2026, co obxectivo de seguir apoiando o funcionamento ordinario desta entidade representativa dun oficio esencial para a actividade pesqueira galega.

O acordo, subscrito no despacho da titular de Mar, contempla unha achega de 10.000 euros por parte da Xunta para sufragar gastos correntes derivados da actividade que desenvolve a federación. Deste xeito, o Goberno galego mantén un apoio continuado a esta entidade desde hai anos, cun investimento acumulado que alcanza os 122.000 euros desde o 2017. 

Durante o encontro, Marta Villaverde puxo en valor o papel estratéxico das redeiras dentro da cadea mar-industria e reiterou o compromiso do Goberno galego coa dignificación, visibilización e fortalecemento deste colectivo, clave para a seguridade, a eficiencia e a sustentabilidade das artes de pesca. 

A Federación Galega de Redeiras Artesás O Peirao, creada en 2004 e con sede en Malpica, integra na actualidade oito asociacións ao longo do litoral galego e representa arredor de 150 profesionais. Entre os seus obxectivos figuran a mellora das condicións laborais e económicas das redeiras, a loita contra o intrusismo, o fomento da prevención de riscos laborais, a promoción da igualdade e o impulso do relevo xeracional.

A Consellería do Mar destaca a colaboración  con esta entidade para avanzar na profesionalización do oficio, reforzar a súa competitividade e garantir o futuro dun sector tradicional e imprescindible para a pesca galega.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 25/02/2026