Valentín García celebra no Carballiño o fin de festa de ‘21 días co Galego e +’ con 400 escolares “que poñen en valor a lingua”

O secretario xeral da Lingua participa no encontro entre alumnado dos 10 centros que tomaron parte na oitava edición desta iniciativa impulsada pola Xunta

Destaca “a implicación voluntaria das comunidades escolares co programa, que lle dá prestixio ao galego con actividades que van máis alá das horas lectivas nas aulas”

En total, a proposta reuniu este ano un total de 3.700 persoas que realizaron durante algo máis de dúas semanas varias accións de dinamización lingüística

O Carballiño (Ourense), 26 de febreiro de 2026

O secretario xeral da Lingua, Valentín García celebrou hoxe no Carballiño o fin de festa do programa 21 días co Galego e + con 400 nenos e nenas que representaron os 10 centros educativos de toda Galicia que participaron na oitava edición desta iniciativa impulsada pola Xunta.

Así, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude agradeceu “a implicación coa lingua das comunidades escolares que este ano se animaron a formar parte, de maneira voluntaria, desta proposta”. Neste senso, destacou a importancia deste tipo de accións “nas que se involucra tanto o alumnado como o profesorado e  todo o persoal dos centros, dándolle valor e prestixio ao galego a través de actividades que van máis alá das horas lectivas nas aulas”.

Ademais, Valentín García apuntou que “este encontro final supón unha oportunidade de confraternización e intercambio de opinións sobre as actuacións que fixeron en cada un dos colexios, cunha xuntanza lúdica e didáctica para compartir experiencias e seguir enriquecendo a nosa lingua”.

A iniciativa, lembrou, “enmárcase na liña de accións coas que o Goberno autonómico pon o foco na cativada e na xuventude, para impulsar nestas idades o uso e a presenza da lingua”. Neste senso, lévanse a cabo outras propostas como Falamos + ou Nós tamén creamos!, que tamén teñen como escenario os centros de ensino e o obxectivo de incrementar o uso do galego entre as xeracións máis novas.

Dez participantes nesta oitava edición

Neste curso 2025/26 no programa reuniu un total de 3.700 persoas coa participación do colexio Isidro Parga Pardal, de Oleiros; do centro dos Tilos, en Teo, e aínda na provincia coruñesa, do Anxo da Garda, na cidade herculina. Tamén do colexio A Ponte e do Benigno Quiroga Ballesteros, de Lugo. A estes engadironselle en Pontevedra o centro Álvarez Limeses e os colexios Ría de Vigo e Amor de Dios, en Vigo. En Ourense participaron o colexio A Ponte e o Irmáns Villar. 

Data de actualización: 26/02/2026