José Ramón Parada interveu no acto de inauguración oficial das 32 Xornadas Internacionais de Coloproctoloxía “Enrique Casal”

O xerente do Sergas destaca que a sanidade pública galega conta con equipos que son referencia en cirurxía colorrectal

Destaca o compromiso do Servizo Galego de Saúde por seguir investindo en tecnoloxía, en renovación de equipamentos e en desenvolvemento profesional

Subliña a importancia do traballo en rede entre áreas sanitarias, o intercambio de coñecemento e a cooperación interhospitalaria

Insiste na importancia da coordinación entre niveis asistenciais, centros e servizos, como factor determinante para ofrecer respostas integrais e seguras

Baiona (Pontevedra), 26 de febreiro de 2026

O xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada, destacou hoxe que Galicia conta con equipos de referencia en cirurxía colorrectal, con unidades que integran asistencia, docencia e investigación.

Así o subliñou no acto de inauguración oficial das 32 Xornadas Internacionais de Coloproctoloxía “Enrique Casal”.

O representante do Goberno galego dixo que o compromiso do Servizo Galego de Saúde é seguir investindo en tecnoloxía, en renovación de equipamentos e en desenvolvemento profesional.

Tamén se promoverá algo fundamental, segundo indicou: o traballo en rede entre áreas sanitarias, o intercambio de coñecemento e a cooperación interhospitalaria.

Segundo o xerente do Sergas, a medicina actual é cada vez máis de procesos complexos e, por conseguinte, a coordinación entre niveis asistenciais, centros e servizos resulta determinante para ofrecer respostas integrais e seguras.

A sanidade pública afronta retos estruturais relevantes como son o envellecemento da poboación, o aumento da cronicidade, a maior demanda asistencial e a incorporación constante de innovacións terapéuticas. Para o xerente do Sergas, a resposta a estes desafíos debe ser máis coñecemento, mellor organización e maior compromiso profesional. Na implicación activa dos seus profesionais, Galicia é imbatible, -sinalou-.

Alta especialización

Na súa intervención no acto, José Ramón Parada remarcou que a coloproctoloxía é unha área de alta especialización, cun impacto directo na calidade de vida das persoas. Trátase de patoloxías prevalentes e complexas, que requiren abordaxes multidisciplinares, tecnoloxía avanzada e profesionais altamente cualificados.

Desde a cirurxía colorrectal ata o manexo integral das enfermidades inflamatorias intestinais, trátase dun ámbito que exemplifica moi ben cara a onde evoluciona a medicina moderna, que é máis precisión, máis personalización e maior coordinación asistencial, -remarcou o xerente do Sergas-.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/02/2026