O delegado territorial da Xunta supervisou o estado das obras de mellora de camiños no concello de Sandiás

Manuel Pardo lembra que a Xunta ten aberto o prazo da nova convocatoria do plan Camiña Rural para concellos, dotada con case 19M€

O delegado territorial da Xunta explicou que neste concello a Consellería do Medio Rural destinou máis de 48.000 euros nas obras de mellora de camiños que se están realizando en Arcos e Zadagós,, ao abeiro do Plan Camiña Rural 2025-2026

Manuel Pardo destacou que nesta orde de achegas, a Xunta destinou preto de 4,3M€ en 88 concellos da provincia de Ourense, en 167 actuacións cunha lonxitude de vías a mellorar de 135,23 quilómetros, co fin de seguir apostando pola vertebración do territorio e a dinamización social e económica do noso agro

O representante do Goberno galego subliñou que na nova convocatoria, aberta ata o próximo 5 de marzo, serán subvencionables intervencións que supoñan un incremento da largura que incidan na mellora da seguranza viaria, e actuacións que representen un reforzo do firme existente coa incorporación de novas capas máis axeitadas ás características do tráfico rodado que soportan

Tamén puxo en valor que desde 2016, e cando se completen os traballos da convocatoria de 2025, nos concellos galegos terase actuado en preto de 6.700 camiños, cunha lonxitude total duns 5.200 quilómetros e un importe de axudas de case 156 millóns de euros en toda Galicia

Ourense, 26 de febreiro de 2026

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, desprazouse esta mañá o concello de Sandiás para, acompañado do seu alcalde, Felipe Traveso, comprobar a evolución das obras de mellora de camiños que se están realizando en Arcos e Zadagós, ao abeiro do Plan Camiña Rural 2025-2026, nas que a consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, destinou máis de 48.000 euros.

Manuel Pardo destacou na súa visita que nesta orde de achegas, a Xunta destinou preto de 4,3M€ en 88 concellos da provincia de Ourense, en 167 actuacións cunha lonxitude de vías a mellorar de 135,23 quilómetros, co gallo de  xerar cohesión social e territorial, mellorando as condicións de vida e de traballo no medio rural.

O delegado territorial da Xunta aproveitou a súa estadía neste municipio para lembrar ao seu rexedor, que o Goberno galego ten aberto o prazo para solicitar as axudas da convocatoria 2026-2027 para mellora de camiños rurais, cun orzamento de preto de 19 millóns de euros ata o vindeiro 5 de marzo, co fin de seguir apostando pola vertebración do territorio e a dinamización social e económica do noso agro.

Nesta liña, concretou que estes fondos para os camiños municipais asígnanse para todos os concellos a partir de cantidades fixas que se modulan empregando criterios de localización, despoboamento, superficie do concello e un coeficiente de agrariedade, onde se empregan datos de carácter socioeconómico vinculados á actividade agraria, que é a que se prima desde a PAC, e que debe ser o eixe principal da actividade económica no rural.

Deste xeito, subliñou que a cantidade fixa por concello será de 24.550 euros, e a partir de aí amplíase o orzamento segundo outros criterios. Por parte de cada concello poderá presentarse ata un máximo de dous proxectos, e cada un deles poderá comprender un máximo de tres actuacións. A estes efectos, enténdese por actuación a intervención sobre un mesmo camiño, ou ben sobre varios, sempre e cando, neste último caso, as obras proxectadas teñan unha continuidade física. O orzamento de execución material de cada unha das actuacións deberá ser igual ou superior a 6.000 euros.

Actuacións subvencionables

O representante do Goberno galego explicou que as labores subvencionables poderán ser de ampliación ou de mellora. No primeiro caso, trátase de intervencións que supoñan un incremento da largura que incidan na mellora da seguranza viaria, permitan o cruce de vehículos ou alargamentos necesarios en zonas de curvas, de baixa visibilidade ou entroncamentos. Ademais, poderán incluír obras de incremento de lonxitude sempre e cando represente rematar nunha estrada ou noutro camiño.

Por outra banda, detallou que as actuacións de mellora serían aquelas que representen un reforzo do firme existente coa incorporación de novas capas máis axeitadas ás características do tráfico rodado que soportan. Inclúense tamén as obras da drenaxe, da seguranza viaria, reforzo de noiros (con muros ou outras estruturas de contención), adecuación de obras de paso de cursos fluviais e reforzo de cunetas, así como a integración ambiental ou a mellora da sinalización.

Plan Camiña Rural

Manuel Pardo fixo fincapé que estas achegas están cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da PAC 2023-2027 de España e os seus beneficiarios son todos os concellos galegos, que grazas a elas poderán acometer traballos de ampliación ou de mellora nos camiños que formen parte da rede viaria de acceso a unha ou a varias entidades de poboación.

O delegado territorial  puxo en valor o traballo realizado nos últimos anos e neste sentido destacou que desde 2016, e cando se completen os traballos da convocatoria de 2025, nos concellos galegos terase actuado en preto de 6.700 camiños, cunha lonxitude total duns 5.200 quilómetros e un importe de axudas de case 156 millóns de euros en toda Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/02/2026